RÍO MONELOS

O río Monelos foi durante décadas a división natural entre A Coruña e a parroquia de Santa María de Oza. Así aparece no Catastro de Ensenada en 1750, onde se menciona a Ponte do Gaiteiro e as aceas da desembocadura. Daquelas o río discurría polo que hoxe é a rúa Ramón y Cajal e desembocaba fronte a actual Casa do Mar. En 1776 foi desviado para construir o edificio dos Correos Marítimos que despois se convertiu na Fábrica de Tabacos. Ese novo trazado do río mantívose ata o día de hoxe. En 1966 planificouse a súa canalización e soterramento desaparecendo de forma progresiva da paisaxe da cidade.

Obras de canalización do río Monelos na década dos sesenta

Tralo soterramento do río conservouse unha das pontes e a rúa chamouse Río Monelos. Por aquí accédese ó Parque Europa e o Forum. En 2016 estreouse na Coruña o documental Esquece Monelos, dirixido por Ángeles Huerta, e que recolle a historia do río.

CRONOLOXÍA
· 1750 A Ponte do Gaiteiro aparece no Catastro de Ensenada como límite da Coruña
· 1776 O río desvíase para facer os Correos Marítimos, futura Fábrica de Tabacos
· 1909 O río Monelos desbórdase e incomunica A Coruña tras un temporal
· 1966 O Plan Cort planifica a canalización e soterramento do río na cidade
· 1999 O río Monelos desbórdase asolagando parte de Alfonso Molina
· 2016 Estréase o documental Esquece Monelos co río como protagonista

LOCALIZACIÓN
Como chegar