«Nos vinilos está a banda sonora da vida dos veciños»

Jas Processor pinchará vinilos dos 60 e 70 na festa en Oza. FOTO: Juan del Río

Jas Processor é músico, pinchadiscos, bailarín, artista multimedia e activista do vinilo. Así que cando lle propuxemos participar na Festa da Memoria deste domingo 18 non o pensou, era o sitio no que estar coa súa colección de discos. Promete grandes clásicos e facernos bailar, e por iso estamos impacientes por despedir cunha merendiña memorable estas xornadas de convivencia e memoria.
 
– Por que te especializaches en vinilo?
 
– Primeiro porque é un soporte físico duradeiro e a sua información sonora pódese escoitar sen a mediación da electricidade. Como a fotografía en branco e negro ben revelada e conservada nunhas condicións óptimas, o vinilo supón un referente simbólico e sonoro perdurable no tempo. Pero a nivel mais paixoal e de curiosidade arqueolóxica supón unha fonte inagotable da historia recente da música contemporánea. E como non, ten unha parte creativa e recreativa que segundo o estilo de música require dunhas habilidades manuais e musicais ben interesantes.
 
– Que aporta a música a un proxecto de memoria histórica coma este?
 
– Na miña opinión a música (ou as Músicas) son unha parte esencial dos humanos, tanto a nivel persoal como colectivo. Máis todavía se falamos dende a proliferación dos estilos, formatos e tendencias que trouxo o século XX, onde as xeracións veñen marcadas por unha banda sonora propia. O fascinante de atoparse cun proxecto coma este, de empoderamento da memoria localizada nun lugar con identidade común, é preguntarse que banda sonora acompañou ás vidas dos veciños do barrio. E máis ainda, se as veciñas e veciños mesmos atesouran na memoria ou nalgún desván esas cancións ou melodías que marcaron as súas vidas.

– Que nos agarda nesta sesión de música en Oza?
 
-Teremos dous momentos ben definidos cunha sesión vermú e logo unha merendiña. A idea de base, tendo en conta o espazo ó carón do mar é comezar con músicas tropicais de alén do Atlántico. Músicas que veñen da relación de Galicia con América e dos estilos máis populares nas verbenas.  Simplemente unha excusa para poñer, a maiores, a disposición do público a oportunidade de escoller dos discos expostos a canción ou grupo da súa memoria. Desta forma irei dispoñendo, como se fose unha gramola, dunha banda sonora construida entre as xeracións que ali se presenten. Claro está, facendo por incitar ós bailes e á festividade.
 
– Cal é o teu disco favorito? Sonará ese día?
 
– Con tanta música coa que traballo seríame moi difícil decantarme por un. O que sí teño son preferencias, e sobre todo, retos, segundo a sesión que prepare. Para esta ocasión sonará seguro «El Chinito» de Los Satélites.