«As fotos falan e o papel dos veciños é clave para o relato histórico»

Ventureira aportará datos inéditos da historia do Corralón da Gaiteira. AHM

 
Rubén Ventureira é xornalista, comisario de exposicións e autor dos calendarios históricos do Deportivo e da Coruña. Este sábado 3 de xuño acompañaranos nun coloquio na Festa da Memoria que celebramos na Gaiteira.  Será unha oportunidade única de descubrir datos inéditos sobre o Corralón da Gaiteira onde se estreou o fútbol coruñés a principios do século XX.
 
– Cal é a túa relación co barrio da Gaiteira e os Castros?
Os Castros é o meu barrio natal. Por parte de nai, veño dunha familia que, procedente de Vilalba, asentouse no barrio a finais do século XIX ou principios do XX. Eramos coñecidos como “Os Zoqueiros”. Os meus bisavós vivían nos ranchitos, unhas casiñas que había ao principio de Vales Villamarín.

Os Castros é o barrio no que crecín, no que vivín ata que me fun a estudar a Madrid, ao que despois retornei antes de “mudarme” a Monte Alto, primeiro, e Panadeiras, despois. Tamén é o barrio do meu colexio, do meu primeiro e único equipo de fútbol (o Atlético Castros) e, sobre todo, é o barrio da miña amplísima familia por parte de nai, os Novo Cabanas.
 
– Cres que hai parte da historia da cidade, sobre todo a do extrarradio, que aínda está por contar?
Queda moito por contar da historia da Coruña. E do antigo Concello de Oza, moitísimo máis, especialmente do período anterior á anexión. O problema é que hai moi pouca xente investigando —basta ir ao Arquivo Municipal unha mañá para comprobalo— e menos aínda publicando. Iniciativas como «Pantasmas de Oza» abren por iso un camiño moi interesante.
 
– Consideras importante o relato da veciñanza á hora de construir esa historia?
O relato da veciñanza é fundamental. As fontes orais teñen que ser unha das bases sobre as que se levanta esa historia, pero sempre complementadas coa investigación en arquivos —oficiais e non oficias— e a procura hemerográfica. O relato oral está máis suxeito ás deformidades que pode provocar o recordo, non así as fontes contemporáneas.
 
O que non está suxeito a distorsiones son as fotos. As fotos falan. E, na achega de fotos, o papel dos veciños si resulta do todo crucial. A Coruña é unha cidade que contou sempre con grandes fotógrafos, pero, loxicamente, os seus focos sempre estiveron máis dirixidos ao centro que aos barrios. Poño un exemplo: nos arquivos podemos atopar centenares de postais do Obelisco, podemos documentar a evolución daquela zona case ano a ano, pero se un tenta atopar fotos antigas do Mirador dos Castros, aínda sendo moito máis recente, nos arquivos oficiais apenas atopará rastro. E, por iso, é aquí onde a achega veciñal é practicamente a única maneira de poder reconstruír a historia.
 
– Que temas tratarás o sábado no coloquio?
Falarei fundamentalmente do Corralón da Gaiteira. Dun enclave que foi primeiro lazareto e despois converteuse, a principios dos anos XX, no principal epicentro da vida deportiva local. Neste corralón sitúanse as orixes do fútbol coruñés e do Deportivo, cuxo primeiro capitán foi precisamente un veciño de Oza, Juan Long.
Rubén Ventureira estará acompañado no coloquio por Ángeles Huerta, directora  do documental Esquece Monelos e Ana Romero, historiadora, directora do IES Monte das Moas e membro do Instituto José Cornide.