Vostede está aquí

Protexamos a nosa costa de Oza, o Faro, a praia de Oza e a sua contorna.

Boa parte dos grandes barcos que son despezados acaban en países cunha lexislación ambiental inexistente ou totalmente precaria, deste xeito medran industrias que amasan cartos a esgalla a costa da saúde dunha clase traballadora que vive condicións similares á escravitude.

Barcos que conteñen amianto, chumbo ou cadmio e que son despezados sen ningún tipo de control. Este escenario, máis propio, de países como India, Bangladesh ou Birmania; é o que nos prepara a Xunta para o noso futuro.

Galiza é un país que sabe facer barcos, a construción naval xera riqueza, emprego e coñecemento; alicerces para construír un país con futuro mais a Xunta aposta xustamente polo contrario, pretenden converter un país que sabe construír barcos nun vertedoiro ou cemiterio, onde acaben os barcos para seren despezados. Apostan por industrias contaminantes e pola destrución en lugar de apostar pola construción naval.

A noticia publicada na prensa, onde se explica que a Consellería de Medio Ambiente non considera preciso o informe de impacto ambiental para despezar barcos en punta Langosteira e Oza, recórdanos eses países onde a saúde das persoas e o coidado do medio ambiente importan moi pouco.

A Consellería elude, unha vez máis, a súa responsabilidade e defende os intereses desa minoría privilexiada que está a facerse cada vez máis rica mentres medra a pobreza no resto da poboación.

Para a asociación veciñalOza Gaiteira Os Castros é inadmisible que se permita a instalación deste tipo de industrias sen ningún tipo de control, é intolerable que se estea a facer de costas á veciñanza á que non se informa en ningún momento, é suicida apostar por este tipo de negocio mentres se deixa esmorecer a construción naval, é totalmente irresponsable despezar barcos ao carón da praia de Oza que xa padece un nivel de contaminación importante.

Para o noso colectivo veciñal estamos diante dun enorme problema, de dimensións seguramente aínda descoñecidas, outra medida máis dun goberno que non pensa nas persoas e que está a defender os intereses dunha minoría privilexiada.

Un novo problema ambiental para o barrio, que vén a sumarse a outros que levamos anos denunciando. Protexamos a nosa costa de Oza, o Faro, a praia de Oza e a sua contorna.