Vostede está aquí

Postura da Asociación sobre o proxecto de pasarela peonil-ciclista entre As Xubias e Santa Cristina

Nos últimos días podemos atopar na prensa múltiples novas sobre o proxecto de creación dunha pasarela peonil e ciclista duns 800 metros que unirá As Xubias e Santa Cristina. Unha actuación denominada polo presidente da Xunta de Galicia como "unha alfombra sobre a ría".

 

Ante todo, dicir que dende Asociación , como defensoras e defensores da mobilidade sostible, cremos que é unha necesidade favorecer os desprazamentos a pé e en bici na contorna, de forma que se xere unha alternativa que escape da incomodidade debida ao tráfico na Ponte Pasaxe. Neste senso, son múltiples as persoas que transitan a diario a pé pola Ponte Pasaxe por unhas beirarrúas moi estreitas, que non permiten o paso simultáneo de dúas persoas, sumado á presenza dun "quitamedos" cuxa estrutura metálica ocupa boa parte desta irrisoria e insuficiente beirarrúa. Ademais, o excesivo tráfico na ponte e, especialmente, o ruído vencellado a este fai del un espazo pouco ou nada amigable para co peón. Para a bicicleta a situación non é moito mellor, pois o tráfico soportado pola ponte fai que sexan poucas as persoas que se atrevan a cruzalo circulando pola calzada.

 

Porén, consideramos que o proxecto exposto nestes días non é axeitado por diferentes motivos:

 

    En primeiro lugar, polo seu impacto medioambiental. Nunha zona na que predomina a infraestrutura gris, un dos extremos situarase no arenal oleirense de Santa Cristina, ocupando pois un espazo de interese ambiental. Á parte diso, o conxunto de piares terán tamén un impacto ambiental sobre o propio areal e no ecosistema mariño.

    Moi relacionado co anterior, polo seu impacto paisaxístico. Pese a expoñerse por parte da Xunta que este impacto será practicamente nulo, entendemos que non é así. Ben é certo que debemos tomar con cautela as imaxes do proxecto, pois sempre estarán suxeitas a modificacións na súa execución. Se ben, en vista a ditas imaxes consideramos que non se trata dunha actuación baseada no respecto e na harmonía coa contorna na que se ubica.

    Tamén, polo seu custe económico. Tratándose dunha actuación cun orzamento de 8 millóns de euros, entendemos que se conta con alternativas que serían máis económicas e que poderían suplir as funcionalidades previstas para este proxecto.

 Dende  Asociación propoñemos

 

Cremos fundamentalmente que a solución pasaría por aproveitar a propia infraestrutura da Ponte Pasaxe. Sería viable, por exemplo, a creación dunha pasarela peonil e ciclista na parte inferior da ponte. Deste xeito, aproveitaranse os propios piares, restando o impacto medioambiental que suporía a colocación de novos piares. Tamén estaría exento de impacto ambiental en tanto que os seus extremos se atoparían en zonas que actualmente xa non son espazos naturais e de protección ambiental. Entendemos ademais que o impacto paisaxística sería efectivamente reducido. E por último, tería un custe económico moito menor do que suporía a actuación proxectada.

 

A este respecto, dicir que non estamos creando nada novo, pois a existencia de pontes que contan cunha dobre altura, cunha delas destinada ao tráfico rodado e outra destinada ás mobilidades activas dáse en diferentes puntos do continente europeo e americano. A continuación, presentámosvos algúns exemplos:

Bridge Canal Pannerdensch (Arnhem, Países Baixos)

Belle Isle Pedestrian Bridge (Richmond, Virgina, Estados Unidos)

Pont Adolphe (Cidade de Luxemburgo, Luxemburgo)

Pont Adolphe (Cidade de Luxemburgo, Luxemburgo)