Vostede está aquí

Por unha Lei Galega da Saúde Mental

A Asociación Veciñal vén de iniciar unha colaboración coa Fundación Salma Galicia para a recollida de sinaturas de apoio

A Asociación Veciñal vén de iniciar unha colaboración coa Fundación Salma Galicia para a recollida de sinaturas de apoio, no noso barrio, a unha Iniciativa Lexislativa Popular por unha Lei Galega da Saúde Mental.

Na actualidade non existe na Galiza unha lei específica que recolla e salvagarda os dereitos das personas con problemas de saúde mental e que concrete con claridade as obligacións da Administración para garantir a atención sanitaria e a continuidade terapéutica. Isto implica que as persoas doentes, moitas veces, non teñan garantida unha atención acaída á súa doenza ou que, mesmo, o seu tratamento non teña uns protocolos establecidos ou sexan adecuados a unha temporalización axeitada para unha alta médica.

Pois a Fundación Salma vén de elaborar unha proposta articulada en forma de lei (que se pode ler integra premendo neste enlace: https://www.fundacionsalma.org/.../os-nosos.../lei-salma para que se debata no Parlamento galego e que inclúa todos estes dereitos e protocolos. Para isto elaborou esa ILP, ou Iniciativa Lexislativa Popular, que precisa dunha recollida de sinaturas, avalada pola Xunta Electoral, e que obriga ao Parlamento Galego a debatir a proposta. En total necesitan recoller 10.000 sinaturas en toda Galiza para que a súa proposta sexa debatida e, neste sentido, contactou connosco para que lle botemos unha man a recoller parte das sinaturas no noso barrio, cousa que imos realizar, como non podería ser doutro xeito.

A Asociación vai distribuir follas para recoller sinaturas polo barrio e até alí pódese achegar e lles botar unha man para que a súa proposta chegue ao Parlamento de Galicia. Deste xeito, e durante os dous próximos meses, pódese preguntar polos pregos de sinaturas, xa que logo, ao ser unha iniciativa que ten un percorrido administrativo, ten que presentarse en tempo e forma, habendo un prazo, que para este caso remata en decembro.

Asinar esta ILP non implica que se estea de acordo co que nela se propón aprobar; asinar esta ILP significa que se apoia que se leve ao Parlamento galego para que en sede parlamentaria haxa o debate. Isto provocará que, unha vez que chegue ao Parlamento, os partidos políticos que alí están representados se posicionen e se visualice se están polo labor de crear a lei ou de presentar emendas ou propostas para que, se procede, dea un encaixe mellor para o seu desenvolvemento dentro da estrutura do Sergas e do sistema de saúde galego. Por iso é importante botarlles unha man a recoller as sinaturas: porque estase a provocar un debate a respecto dunha situación que afecta a miles de persoas (a saúde mental) e que hoxe en día non ten cobertura no sistema sanitario.

Agradecemos de anteman  por asinar e colaborar con esta iniciativa da Fundación Salma.

O noso barrio é solidario