Vostede está aquí
A planta de tratamento de residuos en Oza.
Hai unhas semanas que os veciños e veciñas compartimos unha fonda preocupación polas novas aparecidas en diferentes medios de comunicación nos que se fala da instalación dunha planta de tratamento de residuos na zona portuaria de Oza. Dende o colectivo veciñal Oza Gaiteira Os Castros demos un paso adiante e enviamos escrito ás diferentes administracións rexeitando dita instalación, ao tempo, contactamos con entidades e partidos políticos para que se sumasen ao noso rexeitamento.
Hai uns días recibimos resposta da Autoridade Portuaria confirmando que hai unha solicitude por parte da empresa Limpoil para tratar nas instalacións que teñen no porto de Oza os residuos recollidos, agora deben transportalos para ser entregados nunha planta de tratamento de residuos. Hai que ter en conta que se trata de residuos perigosos e potencialmente contaminantes polo que calquera tipo de vertido na ría sería unha catástrofe.
Tememos que a Xunta poida resolver a solicitude de Limpoil sen facer un estudo ambiental completo o cal sería un auténtico despropósito ao tratarse dunha actividade tan perigosa para a ría e toda a contorna de Oza. Os veciños e veciñas entendemos que este tipo de instalación non debe situarse nesa zona, levamos moitos anos loitando por un saneamento integral da Ría do Burgo, para recuperala para o lecer e a actividade pesqueira e marisqueira, e isto suporía retroceder a tempos onde a ría estivo convertida en vertedoiro.
Estamos de acordo en que os residuos xerados polos buques deben recollerse para o seu posterior tratamento, e debe facerse con todas as medidas de protección necesarias, dende a recollida, ate o transporte e a entrega a un centro de tratamento. É unha barbaridade pretender facer o tratamento na propia zona da contorna de Oza, a nosa loita pasa por sanear e revitalizar toda a Ría do Burgo e a súa contorna, non podemos seguir tratando a ría como un vertedoiro.