Vostede está aquí

PATRIMONIO DO BARRIO EN PERIGO

Dende a asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros, temos que volver a denunciar o estado de abandono no que se atopa o edificio sito na Avenida de Oza 152

Dende a asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros, temos que volver a denunciar o estado de abandono no que se atopa o edificio sito na Avenida de Oza 152, catalogado co NIVEL DE PROTECCIÓN III (protección estrutural) na ficha Nº 49 do vixente Listado de Elementos Catalogados.

Pode apreciarse con total claridade un gran deterioro que sufre dito edificio Como temos expresado en anteriores ocasiones , é evidente que non existe un verdadeiro interese dos propietarios polo mantemento adecuado do edificio, incumprindo os Art. 5.1; Art. 7.1 e Art. 43.1 da Ordenanza Municipal publicada no BOP nº 264 do 17 de novembro de 2006.

Este patrimonio cultural pode desaparecer por non facerlle cumprir as normas aos propietarios, máis preocupados pola especulación e o enriquecemento aínda que sexa destruíndo este patrimonio. O non cumprimento da obriga que ten a propiedade de presentar un Proxecto técnico de rehabilitación integral segundo o Pronunciamento 2º do Expediente de Ruína aberto por ese concello, significa abondar nos incumprimentos continuos, manter o deterioro da propiedade, e a posibilidade dunha ruína inminente.

A Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros considera que debe manterse tanto a fachada como a estrutura do edificio modernista da Avenida de Oza, rexeitamos por completo a demolición ou o baleirado do inmoble. Entendemos que debe conservarse integramente a fachada do edificio e os elementos estruturais e tipolóxicos básicos. Instamos así mesmo ao Concello a actuar, facendo cumprir a lei para evitar que o edificio siga a deteriorarse, antes de que os danos sexan irreparábeis e a perda irrecuperábel.

Lembramos que os inmobles incluídos dentro da protección III son de interese xeral para a cidadanía. Por iso deben ser consolidados e rehabilitados. É unha obriga de todos, a defensa do patrimonio histórico do noso barrio.