Vostede está aquí
O Faro de Oza
Na Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros levamos moitos anos loitando na defensa do Faro de Oza: 2009 (Manifesto en defensa da costa de Oza), 2013 (alegacións ao PXOM), 2014 (novo Manifesto en defensa da costa de Oza)... Reivindicando sempre o Faro de Oza como espazo público e cidadán, opoñéndonos a calquera tipo de privatización e solicitando o seu uso como espazo formativo e divulgativo da nosa cultura mariñeira. Así o fixemos saber á opinión pública e aos sucesivos Gobernos Municipais.
Levamos moitos anos denunciando a desaparición de moito patrimonio natural e cultural nesta beira da Coruña, procurando sensibilizar ao barrio e a toda a cidade da enorme importancia de conservar a nosa cultura mariñeira, que forma parte inseparable da nosa identidade como barrio.
Coa cesión por parte da Autoridade Portuaria do Faro de Oza á administración local, ábrese unha enorme oportunidade para dignificar e dotar de uso a esta senlleira instalación. Sempre defendemos que se debe realizar unha rehabilitación completa e respectuosa do propio faro e dotalo das infraestruturas necesarias para facer del unha “Aula do Mar de Oza”.
Así o temos exposto en moitas ocasións, solicitando que se cree un espazo divulgativo da nosa cultura mariñeira para que as futuras xeracións poidan coñecer a nosa historia e axudar a conservala e ampliala, recollendo tamén un espazo formativo para as traballadoras e traballadores do mar, do sector marisqueiro e da pesca artesanal, que deben ser parte fundamental do noso tecido produtivo.
Agardamos que o Concello da Coruña destine o Faro de Oza a un uso acorde á importancia que dita instalación merece, non podemos deixar que unha parte importante do noso patrimonio cultural e arquitectónico, sexa utilizado para un uso que nada teña que ver coa súa importancia para o barrio ou que poida poñer en perigo a propia instalación.