Vostede está aquí

Non ao peche da oficiña da ABANCA na Avda. da Concordia

Abanca logra o terceiro maior beneficio da banca española e estudará fusións

Abanca logra o terceiro maior beneficio da banca española e estudará fusións

RESULTADOS 1º trimestre de 2020: ABANCA logra un beneficio de 127 millóns, tras fortalecer as provisións con 78 millóns

O banco continúa elevando o seu volume de negocio, que supera os 85.500 millóns de euros

Estes son só algúns dos titulares da prensa e mesmo do proprio banco recollendo a nova do volume de beneficio que vai conseguido neste primeiro trimestre do ano 2020 e que é resultado de dúas cuestións sumamente importantes e que non podemos esquecer, por unha banda grazas a unha venda moi á baixa daquelas caixas galegas, cousa da que o señor Escotet débelle de estar ben agradecido ao presidente da Xunta actual, xa que logo atopouse cunha empresa montada e funcionando cunha ampla rede de oficiñas espalladas por vilas, pobos e cidades.

E a segunda e moito máis importante, unha bolsa inmensa de pequenos aforradores que sustentan o arranque do negocio, clientela fiel que non ía cambiar de xeito doado de banco, persoas acostumadas á proximidade do banco, a facilidade de operacións, a familiaridade co persoal traballador das oficiñas a pesar do duro golpe que levaramos coa estafa das Preferentes. Este é o negocio redondo co que se atopou o señor Escotet ao desembarcar aqui.

Hai uns días enterabámonos do peche da oficiña de Abanca da Avda. da Concordia, a nosa Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros quer deixar ben ás claras a nosa desconformidade con tal medida que consideramos un despropósito e que amosa o descoñecemento que ten a empresa das costas con forte pendente que ten este Barrio e tamén dunha grande parte de clientes que deixan sen servizo de proximidade, tendo que acudir á Avda. de Monelos, ou ás que hai na Avda. de Oza, que de calquera modo non son a solución pra a cantidade de xente maior que temos no Barrio e que acoden asiduamente á oficiña da Concordia a arranxar as súas contas ou facer os seus pagos, ou do pequeno comercio que tamén resolve cantidade de operacións nesa oficiña.

Instamos a que Abanca reconsidere a medida e manteña aberta a sucursal mais tamén que colabore con medidas pra revitalizar o pequeno comercio do Barrio nuns tempos duros de crise pola COVID19, pequenos negocios que intentar sobrevivir facendo un esforzo maiúsculo, esta sería a nova que lles gostaría recibir aos clientes dese banco.

En Afundación buscamos a realización dunha acción educativa, social e cultural que contribúa a mellorar a sociedade galega dentro e fóra de Galicia, posibilitando o desenvolvemento integral das persoas.

Esta é toda unha declaración de intencións que Abanca puxo na páxina da súa obra social, demóstreno, desde a nosa Asociación Veciñal estamos sempre dispostos a sentarnos e a falar de como mellorar a vida das veciñas e veciños do noso Barrio, unha grande maioría deles clientes desa empresa non o esquezan.