Vostede está aquí

Igualdade no trato

A asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros  queremos manifestar que noso colectivo veciñal estamos a traballar para construír un movemento veciñal que se mova noutros parámetros completamente diferentes, temos que buscar modos de colaboración máis abertos, participativos e libres. É imprescindible outra maneira de facer as cousas, contando coa participación activa e comprometida da veciñanza dos barrios que queremos traballar para mellorar a nosa calidade de vida, para defender os nosos dereitos, para aportar ideas e construír entre todos e todas unha cidade mellor.

O que esperamos das administracións e do Concello da Coruña

Dende o Colectivo Veciñal Oza Gaiteira Os Castros esiximos que as administracións actúen na defensa das persoas e do ben común. En demasiadas ocasións temos padecido decisións que poñen os intereses duns poucos por riba dos da inmensa maioría, demasiadas veces observamos como se gobernou para os amigos, para as grandes empresas e contra os intereses dos veciños e veciñas. Se agora existe verdadeiro interese por cambiar o xeito de gobernar, por contar coa opinión da veciñanza e por construír unha cidade para todos e todas, o noso colectivo estará botando unha man nese cambio social tan necesario.

As nosas propostas en canto á relación que o Concello debe ter co tecido asociativo no seu conxunto, e cos colectivos veciñais que están traballando na acción social pasan por:

1.- Coñecer e recoñecer a realidade: A intervención social pasa necesariamente por coñecer a realidade sobre a que se quere intervir, no noso caso por coñecer como se organiza o tecido asociativo e veciñal no barrio e na cidade. Mais tamén por recoñecer aos diferentes colectivos que existen pois moitos deles foron creados por organizacións e/ou administracións e nada teñen que ver co que debe ser un colectivo veciñal.

A AAVV Oza Gaiteira Os Castros leva preto de 40 anos traballando no barrio e iso debe terse en conta, o intento do Partido Popular de desactivar colectivos coma o noso creando asociacións pantasma foi un fracaso, dende o noso punto de vista sería un erro perigoso ter a estas asociacións como referentes cando se traten os problemas dos barrios.

2.- Participación como eixo fundamental: A veciñanza debe ser consultada para tratar os problemas dos barrios, e os colectivos veciñais poden facilitar e promover a participación activa e comprometida dos veciños e veciñas. A democracia participativa pasa por contar coa opinión de todos e todas na solución dos problemas, entendemos que se deben crear espazos de debate e participación en ámbitos que requiren actuacións importantes: Mobilidade, política ambiental, protección e defensa dos espazos e do patrimonio público, dependencia, cultura, deporte de base...

3.- Igualdade no trato: Levamos demasiados anos arrastrando unhas políticas cara aos colectivos veciñais que se fundamentan no trato desigual e discriminatorio, colectivos que contan con locais, espazos e recursos públicos e outros que non reciben nada. elaborar mecanismos de apoio ao tecido asociativo que se fundamenten na transparencia, na igualdade e no compromiso de levar adiante actuacións para a veciñanza e a mellora da calidade de vida nos barrios e na cidade.