Vostede está aquí

OS VECIÑOS DOS CASTROS APOIAMOS A PLATAFORMA EN DEFENSA DA RIA DO BURGO

A Plataforma oponse a apertura da Ría do Burgo ao marisqueo até que se completen todas as tarefas de rexeneración e recuperación
O colectivo, no que participa a nosa asociación de veciños, manterá unha xuntanza este venres para estudar as accións a desenvolver contra a decisión da Consellaría do Mar
A Plataforma para a defensa da Ría do Burgo, integrada por máis de 30 entidades, entre as que se atopa a nosa asociacion de veciños, diante do anuncio da Xunta de Galiza de abrir parcialmente a ría ao marisqueo a partir de mediados de xullo, ten convocada unha xuntanza o vindeiro venres, 9 de xullo, para avaliar as actuacións a levar a cabo contra esta decisión. Dende a Plataforma quérese manifestar a total oposición á apertura da Ría da Burgo, xa que dende a súa constitución en marzo de 2008 non se efectuou ningunha das reivindicacións do colectivo, manténdose as administracións estatais, galega e municipais nunha completa actitude de desprezo cara aos traballadores/as e a poboación afectada e ignorando o cumprimento das normativas vixentes.
Protesta da Plataforma para a defensa da ría do Burgo

Até hoxe, denuncian, continúan sen aplicarse as sancións correspondentes aos causantes directos e indirectos dos vertidos; está sen rematar o proxecto integral de saneamento para eliminar os focos de contaminación causados polas verteduras directas das redes de augas fecais dos concellos da comarca; a EDAR de Bens aínda non entrou en funcionamento; así como tampouco se consensuou un Plano de Rexeneración e limpeza da Ría nin un proxecto de Recuperación dos Bancos Marisqueiros.

Á vista da pasividade e falta de vontade para a limpeza e recuperación desta área, a Plataforma oponse á tentativa da Consellaría do Mar de abrir a parte exterior da ría para a actividade mariscadora, en base a criterios economicistas e sen ter en conta os perigos para a saúde, até que non consiga a eliminación total dos vertidos e o saneamento integral da ría. Así mesmo, a Plataforma demanda o mantemento dos convenios subscritos entre a Consellaría e a as agrupacións de marisqueo até ter garantías de recollida dun produto apto para o consumo.

A Plataforma reivindica un compromiso firme das administracións co colectivo de traballadores e traballadoras da Ría do Burgo de cara a posibilitar nun futuro próximo a reapertura da actividade mariscadora (cun produto de cualidade) e garantir así o mantemento dos empregos de 140 familias e a saude dos nosos veciños