Vostede está aquí
Novos espazos urbanos para a mocidade do barrio
Veciñanza da zona da Cubela tense dirixido a esta asociación veciñal para queixarse polos desperfectos que se ocasionaron no parque da Cubela, arrincáronse bancos do lugar onde estaban instalados e colocáronse nunha zona distinta, semella que coa intención de xuntar bancos creando unha zona de reunión da mocidade que adoita frecuentar o parque.
Dende a asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros, ademais de trasladar a queixa que se nos achegou, queremos tamén instar ao Concello para que habilite espazos urbanos acordes ás actividades que a mocidade realiza nos espazos públicos, é evidente, candos menos neste caso, que hai unha carencia ou un xeito de instalar o mobiliario urbano que non se adapta á necesidade dos mozos e mozas.
Na sociedade actual, onde hai un risco claro de illamento da mocidade, ocasionado moitas veces por un uso excesivo dos móbiles, tablets, ordenadores… débense procurar espazos de convivencia e de relación para eles. Tense falado moitas veces de fomentar a relación e a convivencia de todas e todos nos espazos públicos, axudando a construír unha sociedade máis solidaria, xusta e democrática; mais para iso é preciso que o deseño dos espazos públicos teñan en conta as necesidades de todos e todas.
O noso colectivo leva tempo reclamando máis zonas verdes e espazos de lecer para o barrio, hai pouco tempo volvemos insistir na demanda de recuperar o espazo que ocupaba o Corralón da Gaiteira.
Queremos un barrio para vivir e traballar, onde a convivencia sexa mellor cada día, aproveitemos os desperfectos na praza da Cubela para ter en conta as demandas de todos e todas e deseñemos os nosos espazos públicos pensando nas necesidades actuais desta nova sociedade.