Vostede está aquí
Humanizar o barrio
12/06/2021 - 14:05
Durante a pandemia fíxose máis evidente que queremos que as nosas rúas estean máis dedicadas ás persoas que aos coches.
Tamén que os espazos comúns dos nosos barrios deben adecuarse para realizar moitas actividades recreativas preto das nosas casas, sen necesidade de desprazarnos a outros puntos da cidade.
Dende a Asociación veciñal apostamos por poder pasear e facer deporte polas nosas rúas, que sexan amplas para permitir plena accesibilidade ás persoas con mobilidade reducida, para os carriños de bebé, que inclúan carrís bici e, por que non, solucións prácticas para os debatidos patinetes eléctricos.
Unha cidade aberta e inclusiva que priorice o benestar dos seus habitantes a unha escala humana.
Humanizar o noso Barrio .
Dende o noso colectivo queremos reconquistar as nosas rúas.
Pensamos que son numerosos os beneficios de peonalizar e alargar as beirarrúas das rúas das nosas cidades: fomenta a mobilidade sostible, reduce a contaminación atmosférica e acústica e agora tamén poderiamos engadir os beneficios para a saúde pública porque reduce o risco de contaxio ao poder gardar as distancias de seguridade e practicar deporte en espazos abertos.
Un espazo recuperado para os peóns non é pouca cousa. e pasear tranquilamente polo Barrio podemos alzar a vista ás fachadas dos edificios e os escaparates dos comercios.
Vivimos o barrio doutra maneira. Reencontrarnos con amigos tomándonos algo na terraza dun bar, vendo pasar a xente por un paseo axardinado, os ciclistas circulando polo seu carril, mentres os nenos xogan nun parque infantil, resgardado do tráfico contaminante.
Obsérvase que as cidades con máis peonalización tamén teñen maiores tramos de carrís bici, un tándem que mostra unha maior preocupación das administracións locais por unha mobilidade sostible.
Dende a nosa Asociación apostamos pola humanización do barrio.