Vostede está aquí
Descargas do porto da Coruña de Xaneiro
08/01/2013 - 19:13
  Dende   a AAVV Oza Gaiteira Os Castros temos que volver a denunciar, outra vez   máis, as descargas de carbón e graneis a ceo aberto, sen medidas de seguridade . Unha vez máis, veciños e veciñas   dos Castros padecen as consecuencias desa actividade industrial tan   nociva.
Hai tempo, con motivo doutra descarga, esta AAVV mantivo unha   reunión coa Autoridade Portuaria. Outra vez máis volveron escusarse   dicindo que fora unha cousa puntual pero que non se repetiría,   aseguraron que o 100% das descargas de carbón se facían por circuíto   pechado ata a medusa. É evidente que iso non é así, e o peor é que o   carbón segue quedando amoreado no peirao, afectando a toda a veciñanza do barrio.
É   incomprensible que as autoridades permitan que esa actividade afecte á   saúde dos veciños e veciñas, é inaceptable que non movan un dedo para   que a Autoridade Portuaria faga as descargas coas medidas de seguridade   axeitadas. O comportamento da propia Autoridade Portuaria, poñendo os   intereses económicos por riba da saúde, debe ser sancionado, tanto o   Concello como a Xunta deberan estar vixiantes e sancionar cada vez que   sucede algo así.
Non nos queda outra que seguir denunciando, mobilizarnos e volver a dar a batalla. Cando o que prima é o negocio e o enriquecemento duns poucos a costa da saúde de todos, cando as autoridades miran para outro lado, teremos que ser os propios veciños e veciñas as que deamos a cara.
