Vostede está aquí
Cartos publicos pola porta de atrás
26/07/2012 - 18:28
  Dende  a AAVV Oza Gaiteira Os Castros queremos denunciar o desvío de fondos  públicos que fai este goberno municipal para soster economicamente  asociacións acabadas de crear. Igual que pasou coas partidas que deberan  ir ao pequeno comercio e acabaron nas mans dos amigos do PP, 120.000 €  que seica deberan ir para conmemorar o centenario da desaparición do  concello de Oza, acabarán de novo nas mans de asociacións acabadas de  constituír e que se moven na órbita do PP.
Mentres  este goberno recorta partidas destinadas á dependencia, á educación, a  asistencia domiciliaria... regala cartos a esgalla a asociacións amigas,  que nada teñen que ver co movemento veciñal. As verdadeiras asociacións  levamos moitos anos traballando a prol dos veciños e veciñas, actuando  de maneira crítica e responsable, poñendo en marcha programas e  actividades que melloren a súa calidade de vida; nada temos que ver con  estas asociacións que nacen ao amparo do Partido Popular para facerlle  traballo político.
É  evidente que existe unha estratexia do goberno municipal, que pasa por  afogar as asociacións de veciños e veciñas que facemos o noso traballo,  que estamos sempre do lado da veciñanza, goberne quen goberne, e que non  nos prestamos ao xogo político. Na AAVV Oza Gaiteira Os Castros temos  claro cal debe ser o noso papel no barrio, facemos o noso traballo de  maneira digna e transparente e seguiremos estando aí sempre que nos  precisen os veciños.
Tamén  queremos criticar a maneira de tratar o centenario da desaparición do  concello de Oza, o que cómpre é recuperar a memoria histórica do barrio.  Habería que estudar e facer público o proceso polo cal o concello de  Oza foi afogado economicamente ate que foi absorbido polo da Coruña,  habería que recuperar todo o patrimonio cultural que se deixou esmorecer  ou está a piques de desaparecer. Recuperar e recoñecer a nosa historia é  imprescindible para labrarnos un futuro, así o entendemos na AAVV Oza  Gaiteira Os Castros.
 
