Vostede está aquí

Amianto

A Unión Europea prohibiu o uso do amianto en 2005 mais segue a usarse en moitos países e leva instalado nas nosas vidas moitos anos. O seu uso ten un alto custe medioambiental e supón un grave risco para a saúde das persoas. Son os intereses económicos os que impiden a súa prohibición total e o desmantelamento das instalacións que, aínda hoxe, conteñen amianto.

Este material era empregado como illante na construción ata que se descubriu o enorme perigo que supoñía para a saúde das persoas, moitos edificios e canalizacións de auga no noso barrio aínda conteñen amianto. Xa  fixemos unha charla no local da AAVV onde se fixo evidente que existe esta preocupación e que as administracións deberían tomar medidas.

Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros instamos ao Concello a que faga un catálogo de edificios con este problema, e tome as medidas necesarias para retirar, baixo estritas medidas de seguridade, todo o amianto posible. Tamén a revisar as canalizacións de subministro de auga para substituír cañerías de fibrocemento por outras de materiais non contaminantes.