BARCA DAS XUBIAS

As Xubias de Abaixo é un dos núcleos máis antigos do barrio. De tradición mariñeira, era coñecido polas barcas que cruzaban á praia de Santa Cristina, un servizo creado en 1491 e que estivo activo ata 1998 cando Luis e Eugenia, os últimos barqueiros, deixaron o negocio cobrando daquelas 75 céntimos de peseta polo pase. O Rubio, Baltasar Piñeiro, Juan Lanas e Pepe Barreiro, son algúns dos barqueiros que quedan na memoria do barrio. Tamén Cañita Brava, quen amenizaba o traxecto cantando, tocando as tarrañolas ou recitando alineacións futbolísticas.

A barca das Xubias chegando á praia de Santa Cristina

A historia das Xubias está marcada polas comunicacións. Nos mapas antigos aparece como A Pasaxe, xa que era o único paso da ría ata que en 1901 se abriu a ponte de ferro que quedou co tráfico e co nome. Por aquí entra a vía de tren que conectou a Coruña con Madrid en 1883 e por riba das Xubias pasa a N-VI. Esta estrada, aberta en 1953, foi ampliada a finais do século XX levándose por diante casas como o pazo dos Bermúdez de Castro que pode verse na fotografía.

No seguinte vídeo, rodado nos anos 20, pode verse a zona da costa de Oza e das Xubias. É de autor descoñecido e recolle o percorrido do tranvía de Coruña a Sada.

 

CRONOLOXÍA
· 1491 O Concello da Coruña crea e adxudica o servizo da pasaxe en barca
· 1883 Entra o primeiro tren pola vía que une A Coruña e Madrid
· 1901 Inaugúrase a ponte de ferro da Pasaxe
· 1953 Apertura da N-VI que une A Coruña e Madrid
· 1996 Licítanse as obras de ampliación da antiga N-VI afectando ás Xubias
· 1998 Desaparece o servizo dos barqueiros

LOCALIZACIÓN
Como chegar