CONCELLO DE OZA

A última sede do Concello de Oza estivo neste edificio da Rúa Montes, 21, agora en ruinas. Era un local alugado, xa que dende a súa creación en 1833, o Concello de Oza trasladara a súa sede varias veces rematando neste lugar do Montiño. O Concello de Oza estaba integrado por catro parroquias, Santa María de Oza, San Vicente de Elviña, San Cristobo das Viñas e San Pedro de Visma. O seu territorio era tres veces ó da cidade da Coruña, aínda que moito menos poblado xa que era eminentemente rural e mariñeiro. A división entre ambos foi motivo recurrente de polémica, xa que a expansión da cidade e a instalación de novas infraestruturas de comunicación dependía do espazo e administración de Oza.

Banquete pola fusión de Oza no Teatro Emilia Pardo Bazán. Foto: Sellier

Os movementos defendendo a fusión de ambos municipios intensificáronse dende finais do século XIX e o 1 de outubro de 1912 asinouse a integración. Naquel momento Oza tiña 8.000 habitantes e ocupaba 24 kilómetros cadrados; na Coruña vivían arredor de 50.000 persoas en 8 quilómetros cadrados.

Sellos do antigo Concello de Oza. Arquivo Bardos Cultural

CRONOLOXÍA
· 1833 Créase o Concello de Oza coa Lei de división do país por municipios
· 1884 O Concello de Oza é suspendido temporalmente por débedas coa Facenda
· 1887 O párroco de Oza denuncia ó Concello coruñés por mover as súas lindes
· 1890 O Concello de Oza recupera a súa actividade e a corporación
· 1890 Colócanse 46 marcos de pedra para marcar os límites entre Oza e A Coruña
· 1907 Queixas polo traslado da sede municipal ó lugar da Moura na Av de Fisterra
· 1909 Vigo anexiona Bouzas o que aumenta o movemento pro anexión na Coruña
· 1912 Asínase a fusión de Oza e a Coruña nun acto no Palacio de María Pita
· 1913 Preséntase unha candidatura pro-Oza ás eleccións municipais da Coruña
· 2011 Créase o Parque de Oza na zona do Corgo para lembrar o vello municipio
· 2013 Preséntase o documental Na lembranza de Oza de María Álvarez

LOCALIZACIÓN
Como chegar