Vostede está aquí
Traballar por un movemento veciñal libre, aberto e participativo.
Hai máis dun ano, na Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros tomamos a decisión de darnos de baixa da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e área metropolitana, decisión que se tomou ante a evidencia de que o modelo de funcionamento non estaba a ser útil para a veciñanza e non había vontade dentro da propia Federación para asumir cambios imprescindibles que puxesen a organización ao servizo dos veciños e veciñas.
O tempo que pasou serviu para contactar con outros colectivos veciñais que tamén están fóra da Federación e que tamén apostan por un modelo organizativo diferente, máis aberto, participativo e plural, un modelo que de verdade conte coa opinión dos veciños e veciñas de cada barrio. Cada vez vemos máis claro que a Federación non está para resolver os problemas da veciñanza, que funciona coa inercia dun modelo caduco e caciquil.
Durante moitos anos, houbo colectivos veciñais que estiveron traballando para os respectivos gobernos, colectivos que se preocupaban de que os problemas dos barrios non afectasen demasiando ao goberno de turno, traballando como unha estensión da propia administración e non como un colectivo ao servizo da veciñanza. Este modo de funcionamento está inserido na propia Federación e non vemos maneira de mudalo.
O noso colectivo veciñal sempre insistiu na necesidade de poñer os intereses da veciñanza por riba de todo o demais, exercendo a crítica e a mobilización sempre que fixo falta, a pesar da consecuencias que ten este xeito de actuar para nós. Cada subvención que recibimos, ben escasas por certo, son auditadas cunha obsesión enfermiza por atopar irregularidades que non existen, tanto o Concello como a Deputación están obsesionados con vixiarnos ate o último euro recibido cando hai outras entidades que reciben cartos vía convenio, sen ningún tipo de control.
Sabemos que esta fiscalización non se dá con outros colectivos, sabemos das consecuencias de enfrontarnos aos gobernos de turno e iso aínda nos anima máis para traballar e construir un colectivo veciñal libre, sen ataduras e ao servizo dos veciños e veciñas.
Dende o noso colectivo veciñal estamos a poñernos en contacto con outras asociacións para construir un movemento veciñal que se mova noutros parámetros completamente diferentes, temos que buscar modos de colaboración máis abertos, participativos e libres. É imprescindible outra maneira de facer as cousas, contando coa participación activa e comprometida da veciñanza dos barrios que queremos traballar para mellorar a nosa calidade de vida, para defender os nosos dereitos, para aportar ideas e construir entre todos e todas unha cidade mellor.