Vostede está aquí

Senda verde no Oleoducto

Dende a Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros dirixímonos ao Concello para solicitar que se realice un estudo e unha planificación para a construción dunha senda verde nos terreos que agora ocupa o oleoduto que une a terminal de San Diego coa Refinería de Repsol.
Nesta cidade segue habendo moi poucas zonas verdes, cunha porcentaxe que segue sendo das máis baixas do Estado español, así pois habilitar zonas verdes debería ser unha prioridade de calquera goberno. Os investimentos en zonas verdes, con espazos para pasear, facer deporte ou simplemente para poder respirar en espazos limpos e abertos no noso tempo de ocio, son un grande aforro no futuro da nosa saúde, cada euro que se inviste mellora a saúde da veciñanza e aforra gastos sanitarios no futuro.
Todo o territorio que aínda hoxe ocupa o oleoduto permite a construción dunha gran senda verde, que atravesaría todo o que foi o concello de Oza. É un bo momento para planificar e incorporar esta gran senda verde nas actuacións urbanísticas que se vaian facendo, o plan de mobilidade debería incorporar este gran corredor para ir adaptando as zonas polas que pasa e poder habilitar unha senda peonil e para bicicletas, con arboreda e mobiliario adecuado.
Nun futuro próximo o oleoduto quedará fóra de servizo e nese intre xa se podería construír esta gran senda verde, estamos a tempo para ir facendo as cousas tendo en conta esta actuación, non tería sentido realizar obras que despois se tivesen que desfacer para habilitar este gran paseo. Así pois, dende o noso colectivo, queremos facerlle esta achega ao Concello.