Vostede está aquí

A rotura da rampla de acceso no Santiago Apostol das Xubias

o lamentable estado das instalacións e o deficiente mantemento por parte das administracións

A rotura da rampla de acceso no Santiago Apostol das Xubias pon de manifesto, unha vez máis, o lamentable estado das instalacións e o deficiente mantemento por parte das administracións.

A veciñanza das Xubias xa tiña denunciado o estado desta rampla de acceso, o mesmo que moitos traballadores e traballadoras do centro, mais as administracións volveron facer oídos xordos a estas demandas máis que xustificadas.

O grave incidente non causou danos persoais de xeito directo pero si está a causar prexuízos nos usuarios do centro pois as clases tiveron que ser suspendidas no colexio de educación especial.

Para o noso colectivo veciñal o problema radica, como temos denunciado tantas veces, nos recortes que as administracións están a aplicar nos servizos públicos. Probablemente detrás deste incidente estea a falta dun mantemento preventivo que impedise que o deterioro da rampla de acceso chegase ate o punto de ocasionar este derrube, de feito tíñase avisado en varias ocasións sen que as administracións cumprisen coa súa obriga mantendo as instalacións como é debido.

A asociación veciñal  Oza Gaiteira Os Castros quere denunciar, unha vez máis, a política de recortes do Partido Popular, recortes que están a afectar ás persoas máis vulnerables na nosa sociedade, neste caso persoas con minusvalía. É inaceptable que mentres as grandes fortunas incrementan o seu patrimonio, os máis desfavorecidos teñan que soportar uns recortes innecesarios, inxustos e insolidarios.

É intolerable que non se destinen os recursos suficientes para servizos públicos imprescindibles coma este e ao mesmo tempo se dilapiden millóns de euros en obras innecesarias coma o túnel do Parrote para que algunha empresa obteña uns ingresos escandalosos.

As medidas das administracións a respecto dos servizos públicos provocan un grave deterioro e unha perda de calidade que padece precisamente aquel sector da sociedade que máis precisa destes servizos.

O que se busca é a privatización de todo o público para beneficio das grandes empresas.

O noso colectivo veciñal estará, como sempre ten feito ate agora, nas loitas pola defensa dos servizos públicos, seguiremos esixindo uns servizos públicos universais e de calidade, e seguiremos denunciando situacións como esta.