Vostede está aquí

Que lle pasa ao goberno do Sr Negreira coas árbores?

Veciños e veciñas do barrio estamos escandalizados coa cantidade de árbores que este goberno municipal está a arrincar.

Xa comezaron por derrubar a senda verde que había na Avenida de Oza, arrincando todas as árbores que tiña pero a cousa foi a peor, arrincáronas na parque de Tabacos, no Parque de Oza, no parque do Hospital de Oza, no barrio das Flores, onda o mercado de Elviña, no parque Europa...

Perdemos a conta de todas as que levan arrincado. E a cousa non remata, nin moito menos... estes días arrincaron árbores no parque da Cubela e na rúa San Diego, descoñecemos os motivos desta desfeita ambiental mais á vista quedan as consecuencias dos seus feitos.

Dende o noso colectivo veciñal temos denunciado moitas veces a escasa porcentaxe de zonas verdes que ten a cidade da Coruña, unha porcentaxe que queda moi lonxe da maioría das cidades europeas.

As zonas verdes melloran a calidade de vida das persoas e fan a cidade moito máis habitable, nun barrio coma o noso, cunha calidade de aire tan deficiente, dispoñer de zonas verdes e vexetación é fundamental para mellorar o noso medio ambiente.

Descoñecemos os motivos para toda esta desfeita, descoñecemos se a causa é o deficiente mantemento das árbores optando por arrincalas directamente despois de deixalas deteriorar, en calquera caso esiximos deste goberno que deixe de arrincar a pouca vexetación que temos no barrio e se preocupe de verdade por mellorar a calidade ambiental desta nosa parte da cidade.