Vostede está aquí
O Faro de Oza deita luz sobre o comportamento do goberno municipal
A Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros leva moito tempo reclamando a recuperación do Faro de Oza, un patrimonio público catalogado pola Xunta, para un uso social; levamos tempo reclamando que o patrimonio de todos e todas sexa posto a disposición do barrio, dos colectivos sociais que traballamos nel e das persoas que hoxe non atopan espazos para a creación cultural ou o desenvolvemento social.
As nosas demandas sempre foron ignoradas, tanto a Autoridade Portuaria como o Concello da Coruña responderon co silencio no mellor dos casos, temos unha resposta da Autoridade Portuaria que lle falta ao respecto ao noso colectivo e por extensión a todo o barrio.
Calquera escusa lles valía para non facer ren, cando temos demandado que se limpase o acceso á praia de Oza, uns e outros, dicían que non era competencia deles.
Agora podemos comprobar que todo foron escusas, que cando queren, póñense de acordo sen problema ningún.
Cando se trata de favorecer aos seus amigos, poñendo o patrimonio público ao servizo de entidades privadas para o seu beneficio, de contado chegan a acordos, convenios...
Incluso a Autoridade Portuaria agora non ten problemas en poñer cartos para amañar o acceso e a contorna do Faro. Temos un goberno municipal que se preocupa só das aparencias, do engano e da manipulación, levamos moito tempo denunciando o deterioro do Faro, cheo de grafites e pintadas, e só o limpan para facerse a foto para a prensa.
Só lles preocupa iso: a foto para a prensa, como é posible tanto descaro e incompetencia? Polo pouco que sabemos pola prensa pois non temos información oficial de ningún tipo, a pesares de que o noso colectivo veciñal foi o primeiro en solicitar un uso social para o Faro e unha cesión para a AAVV e a confraría de pescadores, a Autoridade Portuaria cederalle o Faro ao Concello e este á súa vez cédello a unha entidade privada.
Dubidamos moito da legalidade desta manobra, como pode ceder o concello un patrimonio público do que non é titular e que só terá en réxime de cesión? O Faro de Oza pon en evidencia que tipo de políticos nos están a gobernar, persoas que fan oídos xordos ás demandas do barrio e dos colectivos sociais, que se moven axiña cando se trata de defender os intereses dos amigos, de entidades privadas que obterán beneficio co patrimonio de todos e todas.
Vemos un caso máis, dos moitos que acontecen non últimos anos, do espolio do público para poñelo en mas privadas. O noso colectivo veciñal seguirá a reclamar que o patrimonio de todos e todas se poña ao servizo dos veciños e veciñas e dos colectivos sociais do barrio; seguiremos loitando polo Faro de Oza para que poida ter un uso social.
Esta cacicada non freará as nosas demandas, todo o contrario, seguiremos pelexando contra esta decisión inxusta, arbitraria e, dende o noso punto de vista, posiblemente ilegal.
Por certo, levamos bastantes días cun cheiro insoportable no barrio por mor dunhas descargas incontroladas do porto, pero uns e outros, Autoridade Portuaria e Concello, miran para outro lado. Non sabemos se na foto tiveron que tapar o nariz para non soportar o cheiro, nada dixeron ao respecto, non sabemos se teñen o sentido do olfacto atrofiado...