Vostede está aquí
Non a unha planta de tratamento de residuos de buques no peirao de Oza
Dende o colectivo veciñal Oza Gaiteira Os Castros levamos máis de 30 anos loitando por mellorar a calidade de vida no noso barrio, e iso pasa por dispoñer dunha boa saúde ambiental, onde a papel da veciñanza e das administracións é fundamental.
É evidente que a concienciación sobre o medio ambiente vai en aumento e que as administracións teñen a obriga de mellorar continuamente a súa política de control e loita contra a contaminación.
A veciñanza do barrio vemos con moita preocupación como se pretende instalar unha planta de tratamento de residuos de buques no peirao de Oza, calquera pode entender que a ubicación dunha industria dese tipo debe ser estudada a conciencia e que un entorno tan fráxil como a contorna de Oza non é o máis apropiado.
Temos explicado en moitas ocasións que necesitamos tecido industrial, que cree emprego e riqueza para o barrio e para toda a cidade, mais ten que facerse cumprindo a lexislación e tomando todas as medidas de protección medio ambiental necesarias para protexer os nosos espazos naturais e a nosa saúde, se o facemos así seguramente crearemos moitos máis postos de traballo.
A zona costeira de Oza e toda a Ría do Burgo poden ser un polo de creación de emprego e riqueza, con actividades de lecer, pesca e marisqueo pero para iso é imprescindible un saneamento integral da Ría -polo que levamos moitos anos loitando- e un control sobre as actividades potencialmente contaminantes. Entendemos que se debe evitar a instalacións deste tipo de industrias e traballar para recuperar a riqueza da nosa Ría, estragada por continuos vertidos contaminantes.