Vostede está aquí

Melloras e ampliación da praia de Oza

como colectivo  consideramos fundamental a defensa da costa de Oza como espazo natural aberto

Dende a Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros como colectivo  consideramos fundamental a defensa da costa de Oza como espazo natural aberto e polo tanto opoñémonos á privatización ou concesión privada do mesmo. A costa debe conservarse aberta, na súa natureza de praia e rocha. As intervencións urbanísticas sobre a mesma deben ser as mínimas para facilitar o uso  social e cidadán da mesma.

Dende a asociación veciñal pensamos que o espazo natural debe adecuarse a un uso cívico, relatando unha serie de actividades náuticas adecuadas: natación, táboa, remo, vela... A creación de muros, espigóns ou engadidos de áridos, no só desnaturiza a zona, senón que supón unha intervención inadecuada que afecta as correntes e os bancos marisqueiros da zona.

Consideramos necesario unha nova articulación das comunicacións coa Praia de Oza, para facilitar o acceso á mesma a pé ou en bicicleta. O acceso peonil existente non reúne condicións e incluso crea situacións de perigo, tampouco existe carril bici algún. A actual pasarela, aparte a barbaridade de deseño, non cumpre requisitos mínimos para o seu uso, moito menos para persoas con minusvalía ou mobilidade reducida. A estrada paralela ao porto debe artellarse como complemento da Avda. do Exercito e como acceso á Praia de Oza, mellorando e controlando o aparcamento de vehículos na proximidade da praia, tamén habería que levar unha liña de bus que a comunique coa cidade.

Cremos necesario un control continuo e real sobre a calidade das augas da zona, controlando e castigando aos culpábeis de calquera tipo de verquidos ou residuos. Débese elaborar un plan de limpeza continuada dos fondos mariños, para mellorar o traballo da pesca e marisqueo. Débese elaborar un plan de saneamento do Río Monelos dende seu inicio, obrigando ás empresas, industrias e institucións que verten os residuos nas súas augas e pasalas á rede municipal.

A coidade e a limpeza do mar son fundamentais para manter os nosos recursos naturais, fontes de riqueza e de progreso nesta cidade. Facer da costa de Oza e da súa ría, e da cidade da Coruña, un espazo sostible é unha cuestión de compromiso coa natureza e de traballo.

Polo que comenzaremos unha recollida de sinaturas nos próximos meses para solicitar as administracións melloras e ampliación da praia de Oza