Vostede está aquí

Incumprimentos en materia ambiental nas instalacións portuarias

Incumprimentos en materia ambiental nas instalacións portuarias

Á Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros cáusanos asombro que a Autoridade Portuaria diga agora que o vindeiro ano vai obrigar ás empresas que operen no porto a cumprir  un código de conduta ambiental. Dende o noso colectivo sempre se esixiu da Autoridade Portuaria que exercese como tal, obrigando ás empresas a facer as súas actividade sen poñer en risco a saúde da veciñanza e o medio ambiente, nalgunha reunión chegaron a dicirnos que realmente non podían, agora demóstrase que non é certo. Se queren, poden facelo. O que a Autoridade Portuaria anuncia no Foro Ambiental é algo básico, que se debera estar facendo hai moitos anos. A día de hoxe non hai control sobre a incidencia das actividades do porto sobre o medio ambiente e a saúde das persoas, as partículas seguen invadindo o barrio, digan o que digan os seus medidores, non hai máis que falar coa veciñanza para confirmar este feito, basta con observar as ventás ou terrazas dos edificios da zona dos Castros. Dende o noso colectivo levamos moito tempo denunciando a inutilidade dese Foro Ambiental, onde non se toman as medidas necesarias para evitar a contaminación e só se está usando como medio de propaganda. O xeito en que a Federación de AAVV participa neste foro, ignorando as queixas da veciñanza do barrio sobre a contaminación ambiental, foi un dos motivos que fixo que o noso colectivo abandonase a Federación, no ten sentido participar na Federación cando esta non se preocupa polos problemas das veciñas e veciños do barrio. O que ten que facer a Autoridade Portuaria é cumprir coa súa obriga e vixiar que as actividades se fan tomando todas as medidas de precaución posibles para evitar a contaminación. Estes días está a despezarse un barco nas instalacións que hai en Oza, sen tomar medida algunha para evitar verquidos ou contaminación ambiental, sen instalar barreiras anticontaminación a pesar de estar traballando con elementos altamente contaminantes como poder ser os metais pesados, aceites ou incluso amianto. Sabemos pola prensa, pois as autoridades volven ignorar a veciñanza, que unha empresa pretende despezar barcos en Oza, unha actividade moi perigosa que pon en perigo a saúde das persoas e un entorno ambiental especialmente deteriorado e fráxil como é o de Oza e toda a Ría do Burgo. Tamén sabemos que o Concello da Coruña está en contra da instalación desa actividade en Oza, que exerza a súa labor de control e vixíe o que se está a facer agora nesa mesma zona pois todos os veciños e veciñas estamos vendo como se está a despezar un barco.