Vostede está aquí

Escola infantil Xa

Ante a apertura do prazo para solicitar praza nas escolas infantís, volve a poñerse de actualidade a lista de espera para as escolas infantís públicas da Coruña, amosando unha vez máis a necesidade de máis prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Moitas familias quedan sen praza no ensino público véndose obrigadas a acceder ao ensino privado.

Desde a Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros demandamos, unha vez máis, que a Xunta de Galiza cumpra co seu compromiso de construír unha escola infantil pública no noso barrio, e que o Concello actúe para que ese compromiso se faga realidade.

No ano 2005 a Xunta de Galiza, gobernada como agora polo Partido Popular, fixo un estudo do número de nenos e nenas con idades de 0 a 3 anos. Ese estudio amosaba un déficit de prazas na Coruña e daquela a Xunta anunciou a decisión de construír dúas escolas infantís públicas. Nestes anos entrou en servizo a Escola Infantil de Eiris pero o barrio segue sen prazas suficientes.

No barrio da Gaiteira Os Castros hai moitas familias que precisan desa infraestrutura pública.

No programa que o Partido Popular da Coruña presentou ás últimas eleccións municipais incluíase a construción dunha Escola Infantil Pública no noso barrio, que non incumpran, unha vez máis, as súas promesas.

DEMANDAMOS da Xunta de Galiza que se elabore de maneira urxente o Proxecto Construtivo desa instalación, para que poida ser incluído nos Orzamentos da Xunta de Galicia e a escola estea en servizo canto antes. É unha tomadura de pelo aos veciños e veciñas do barrio facer promesas electorais para logo tiralas ao lixo.