Vostede está aquí

Diversidade Funcional

A asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros mantivo unha xuntanza coa responsable da área de Igualdade e diversidade do Concello da Coruña para coñecer de primeira que accións pensa desenvolver o Concello no eido da discapacidade e tamén trasladar unha serie de propostas que diversas persoas do barrio nos foron achegando.

 O noso colectivo veciñal sempre apostou pola participación e a colaboración coas administracións e entidades de todo tipo, buscamos información que sexa útil para o barrio e, ao mesmo tempo, facemos propostas en positivo, coa intención de mellorar a calidade de vida no barrio.

A xuntanza foi útil para coñecer algunhas actividades que se están a levar a cabo por parte do concello e, sobre todo, para insistir en moitas carencias que temos detectado fundamentalmente en tres grandes eixos:

1.- Información/participación: entendemos que falta información e non se consulta coas familias que necesidades e carencias existen, non hai participación. Ao noso entender o concello debería ter feito un censo actualizado das persoas con diversidade funcional e facer partícipes as familias á hora de deseñar accións ou proxectos a levar a cabo, pensamos que non se informa adecuadamente do que se está a facer e tampouco se recollen propostas de actuación.

O que nós propoñemos é elaborar un censo actualizado e manter reunións coas familias para recoller ideas e propostas que axuden a deseñar programas de actuación nos eidos que os propios afectados vaian propoñendo, a participación deber ser fundamental á hora de deseñar o tipo de traballo que se quere desenvolver, as persoas con discapacidade e as súas familias son quen mellor coñece as necesidades e carencias na vida diaria, partir de toda esta información é a mellor maneira de poñer a andar programas útiles para mellorar a calidade de vida das persoas.

2.- Actuar contra a desigualdade.

Xa temos expresado noutras ocasións a enorme desigualdade que existe á hora de actuar no deseño de programas e actividades de todo tipo. Se analizamos todo o que se fai no eido cultural, social, deportivo, na mocidade, na educación... vemos que case nunca se ten en conta as persoas con discapacidade.

As administracións teñen a obriga de ofrecer servizos pensando en todos e todas. Case o 100% das actividades que se programan exclúen as persoas con diversidade funcional, non porque lle prohiban participar senón porque o seu deseño non fai posible a súa participación.

Hai que deseñar actividades sociais e culturais que permitan a integración e a participación de persoas con diversidade funcional, as escolas deportivas municipais deberían ter programas de deporte adaptado, as actividades extraescolares deben permitir a participación de alumnado con necesidades educativas especiais, son só algúns exemplos do que xa deberiamos ter posto en marcha. Entendemos que os servizos municipais teñen capacidade e recursos para facer moito máis do que se está a facer agora.

3.- Aprender e innovar.

Só dende a práctica diaria se poderán mellorar os servizos que se vaian prestando dende o concello. Dende o noso punto de vista ademais de actuar e realizar programas a administración debe avalialos, cos profesionais e as propias familias, para ir mellorando todo o que se poña en marcha.

Esta cidade conta con grandes recursos que a día de hoxe non se están aproveitando. Se somos capaces de poñer en marcha actividades imaxinativas e útiles e, ao mesmo tempo, implicamos a outros sectores da sociedade (colectivos e entidades, a universidade, as familias...) é seguro que iremos mellorando día a día.

A propia universidade ten moitas áreas (saúde, rehabilitación, educación, pedagoxía, o INEF...) que poden aportar experiencias e coñecemento para mellorar a situación das persoas con discapacidade, é necesario buscar a súa colaboración para crear coñecemento e práctica de como se debe traballar no eido da discapacidade, é unha obriga das administracións colaborar para avanzar na igualdade e na mellora na calidade de vida das persoas con discapacidade.