Vostede está aquí
Defendamos a costa de Oza
Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros vimos de presentar denuncia no SEPRONA, informando da mesma aos seguintes organismos: Autoridade Portuaria da Coruña, Concello da Coruña, Augas de Galicia e Axencia Europea de Medio Ambiente; para que se comproben as posibles infraccións e irregularidades dos desguaces que se están a facer no porto de Oza.
Dende o colectivo veciñal temos explicado en moitas ocasións que necesitamos tecido industrial, que cree emprego e riqueza para o barrio e toda a cidade, mais ten que facerse cumprindo a lexislación e tomando todas as medidas de protección medio ambiental para protexer os nosos espazos naturais e a nosa saúde, se o facemos así seguramente crearemos moitos máis postos de traballo.
A zona costeira de Oza e toda a Ría do Burgo poden ser un polo de creación de emprego e riqueza, con actividades de lecer, pesca e marisqueo pero para iso é imprescindible o seu saneamento e o control sobre as actividades potencialmente contaminantes. Esiximos das administracións que actúen saneando dunha vez toda a zona e vixiando as actividades que se desenvolven na mesma.