Vostede está aquí

Corralón da Gaiteira

Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros soubemos pola prensa que o Concello vendeu a parcela da que toda a veciñanza era propietaria na zona do que antes foi o Corralón da Gaiteira.
 
Dende o noso colectivo veciñal levamos moitos anos denunciando o abandono desa zona e reclamando o seu aproveitamento como zona de lecer o que lle daría vida a toda a rúa da Gaiteira.

Non entendemos como o Concello vende unha parcela da que todas e todos eramos propietarios e logo diga que ese diñeiro será para comprar solo, será que hai barrios que merecen zonas de lecer e a Gaiteira non.

Nós sempre defendemos que nesa parte da Gaiteira é moi necesaria unha zona de lecer, incluso entregamos un proxecto ao Concello de como se podería realizar.

Somos conscientes de que 400 metros cadrados é só unha parte da parcela total que leva anos abandonada pero podería buscarse un acordo cos propietarios do resto da zona do Corralón para construír un parque e mellorar o urbanismo do barrio.

Lamentablemente volvemos ao modelo urbanístico que tanto dano ten feito, entregando os mellores terreos ás construtoras para logo mercar parcelas onde a estes non lles interesa, vólvense defender os dereitos duns poucos a costa dos de toda veciñanza.