Vostede está aquí
Carril Bici
Dende a nosa Asociación queremos expresar a nosa opinión a respecto de como se están a construír diversos tramos de carrís bicis.
É evidente que para mellorar a calidade de vida nos barrios é necesario reducir os niveis de contaminación, tanto atmosférica como sonora, e iso pasa por reducir o número de vehículos que circulan polas nosas cidades. Ninguén discute que temos que humanizar as cidades, recuperar espazos para as persoas e limitar o uso dos vehículos polo que hai que apostar polo transporte público colectivo, polos desprazamentos a é e polo uso da bicicleta.
Apostar por un modelo de cidade sustentable e pensado para as persoas esixe que se elabore un plan de mobilidade integral, contando cos colectivos sociais da cidade e cos todas e todos os que teñan algo que aportar. É necesario planificar o que se vai facer nos vindeiros anos e buscar o máximo consenso posible para poñer a andar estar transformación da cidade.
Dende o noso punto de vista non se está a facer nada disto. Temos a impresión de que se están a construír carrís bicis de xeito totalmente precipitado, máis como propaganda electoral que como unha verdadeira aposta por este medio de transporte.
O carril bici ten que se seguro, útil e moi visible para evitar calquera accidente. Algúns dos tramos que se están a construír, de xeito illado e sen conexión entre eles para facilitar o desprazamento pola cidade, non semellan seguros polo que dificilmente atraerán a usuarios que aposten pola bicicleta.
Dende a Asociación Veciñal “Oza Gaiteira-Os Castros” solicitamos do Concello que consensúe cos colectivos sociais da cidade (entidades veciñais, ecoloxistas, sociais, ANPAS...) a planificación dun verdadeiro plan de mobilidade, que aposte por unha cidade para as persoas e facilite os desprazamentos alternativos ao vehículo particular.