Vostede está aquí

A cacicada do Concello da Coruña co Faro de Oza

Hai tempo que a asociación veciñal  Oza Gaiteira Os Castros está a reclamar uso social do Faro de Oza

Hai tempo que a asociación veciñal  Oza Gaiteira Os Castros está a reclamar uso social do Faro de Oza, un uso que permita darlle utilidade pública a un patrimonio que é de todos e todas. Dende hai moito tempo estamos esixindo que se free o deterioro deste ben público catalogado pola Xunta, reclamando investimentos para arranxar e mellorar as súas instalacións.

Dende a asociación veciñalOza Gaiteira Os Castros, conxuntamente coa Confraría da Coruña, enviamos un proxecto para un uso social do Faro, que permitiría un uso compartido para poñer ao servizo dos veciños e veciñas este patrimonio público e dar a coñecer a cultura mariñeira que tanto marca esta cidade e este barrio, non recibimos resposta do Concello.

 

O tempo foi pasando e no Faro non se investía un só euro, é xusto agora que o Concello pretende cedelo a unha entidade privada cando se están a acometer melloras nas súas instalacións. O PP négalle á cidade o uso dun ben público, e deixa que se deteriore ano tras ano pero agora que pretende cederlle o Faro a unha entidade privada é cando está arranxando as instalacións. Agora gasta os cartos e os recursos de todos e todas para beneficiar aos seus amigos, xusto o contrario do que debería facer unha administración, é unha proba evidente de cales son as prioridades e os intereses do Sr Negreira.

Dende a asociación veciñal  Oza Gaiteira Os Castros volvemos esixir que o patrimonio público non acabe en mans privadas e queremos dirixirnos a todas as forzas políticas que se presentan ás eleccións municipais neste Concello para pedir o seu apoio. Queremos que se definan e digan con claridade se están por defender o público ou por favorecer os intereses privados duns poucos.