Vostede está aquí

AS ZONAS VERDES DO BARRIO E O COIDADO DA SAÚDE

Dende a Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros témonos dirixido en moitas ocasións ao Concello para que se incrementen, se coiden e se manteñan como debe as zonas verdes do barrio. É indiscutíbel que estes espazos melloran a calidade de vida, o que repercute de xeito beneficios na saúde dos veciños e veciñas.
Tamén temos denunciado algunha vez o deterioro dalgunha zona e dos aparatos de ximnasia que se teñen instalado nalgúns parques do barrio, o Concello ten feito actuacións parciais, pequenos arranxos ou limpezas de maleza, o que precisamos é que o tema da saúde e da calidade de vida da veciñanza se tome en serio.
O que se ten feito con respecto á instalacións de trebellos para facer ximnasia é totalmente insuficiente, as máquinas deben ter un mantemento periódico que as manteña en boas condicións pero iso non é suficiente. Hai persoas que fan uso delas poñendo en perigo a súa saúde por mala utilización ou descoñecemento, dende o Concello debería facerse un esforzo para informar do uso correcto de todas esas máquinas.
Moito se ten falado de que piares como o da saúde ou o da dependencia deben ser xeradores de emprego, na situación actual de paro desbocado, as administracións deben facer un esforzo nese eido e contar con profesionais que ensinen e asesoren sobre a importancia da ximnasia de mantemento e sobre como debe facer adecuadamente.
Dende a nosa asociación solicitamos que se manteñan todas as máquinas instaladas, se monten nalgunhas zonas que poden dispoñer delas e non teñen e, sobre todo, se contrate persoal para ensinar a veciñanza a facer un uso axeitado delas. Todo o investimento que fagamos nese eido serán cartos que aforraremos no futuro ao mellorar a nosa saúde, cómpre botar unha man para baixar o nivel de paro e ao mesmo tempo traballar na mellora da calidade de vida.