Vostede está aquí

XI Lúas de Outono

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos convídanos  á XI Lúas de Outono, homenaxe anual a Manuel María,  que terá lugar o 25 de setembro, ás 20.30 h., no Teatro Rosalía Castro.

Este ano, aproveitando que hai pouco foron os 50 anos do concerto que se coñeceu como de presentación da Nova Canción Galega, farase un acto de recoñecemento aos cantautores e cantautoras galegas, parte fundamental da cultura de noso e tamén, figuras privilexiadas na difusión da nosa poesía. Aquel concerto histórico do Teatro Capitol de Compostela fora presentado por Manuel María quen, alén disto, a través do selo EDIGSA-XISTRAL, promoveu a difusión desta música en galego que supuña unha ruptura co folclorismo de cariz franquista por aquel momento.  

Así nas Lúas de Outono deste ano teremos a oportunidade de escoitar tres voces que, de algún xeito, son mostra de xeracións diferentes e tamén de diversos estilos:
-MIRO CASABELLA
-UXÍA, acompañada por Santi Cribeiro e Sérgio Tannus;
-e a voz de Xoán Padín, que xunto Alberte Núñez, Alberto Maceiras e Gumer Freire, conforman MOLIME.

O espectáculo será guiado por Xurxo Souto. 

A entrada é libre até completar o aforo, mais hai que ter o billete de entrada, que se pode retirar na billeteira do Teatro Rosalía Castro, entre as 16 e 20 hrs do mesmo día do espectáculo, o mércores 25 de setembro.