Vostede está aquí

Volven o caciquismo e a especulación cos mamotretos de Eirís


Estes días, cando volve estar de actualidade a especulación que fixo o goberno de Francisco Vazquez no solar onde estaba o edificio de Fenosa, vemos como o PP de Negreira tamén teima nas mesmas políticas. Os votos en solitario do PP permitirán aumentar a altura dos edificios que se construirán onda o parque de Eirís.

Para permitir esta aberración, crearán unhas plataformas que elevarán aínda máis os edificios proxectados, creando unhas construcións cun forte impacto visual que afectarán moi gravemente a paisaxe de toda a zona de Eirís. Como ten feito ao longo de moitos anos, o PP antepón os intereses dos seus “amigos” aos de toda a cidadanía, permitindo incrementar a edificabilidade aínda que sexa a conta de montar mamotretos coma estes.

Toda a contorna da Coruña, e especialmente a zona de Eirís coa vista de toda a ría e o areal de Santa Cristina, ten un alto valor paisaxístico. Protexer esas zonas respectando o contorno é apostar por un modelo de cidade sostible, respectuoso co medio ambiente e coa paisaxe que define a nosa comarca. Todo isto non ten valor ningún para o señor Negreira, prefire enriquecer aínda máis a uns poucos amigos que protexer o que nos pertence a todos e todas.

O modelo de crecemento baseado na especulación e na destrución da paisaxe e dos recursos naturais, lévanos ao desastre. Boa parte da crise na que nos atopamos, endebedándonos para poder consumir cada vez máis, está asentada nunha construción baseada na especulación e na ganancia duns poucos. Lonxe de rachar con este sistema, o PP insiste en volver a estas políticas, mentres recortan servizos públicos permite que uns poucos amasen cartos a esgalla.