Vostede está aquí

A reforma da Gaiteira



A reforma da Gaiteira 

Cada día que pasa é máis evidente a falta de transparencia en todo o que ten a ver coa reforma da Gaiteira, os numerosos escritos pedindo aclaracións por parte da nosa asociación, ou ben non tiveron resposta ou o que se nos ten transmitido non responde ás cuestións sobre as que temos preguntado e que se deben facer públicas.
Xa temos avisado das graves consecuencias para o comercio local e a hostalaría por facer a obra nun prazo tan longo de tempo e con todo o verán polo medio, a pesar de ser unha rúa tan pequena. Calquera que pase pola rúa pode ver como hai moi poucas persoas traballando, calquera goberno esixiría maior contratación de persoal para que a obra se rematase en moito menos tempo, neste caso optouse por encherlle o peto á  empresa a costa dos prexuízos á cidadanía e ao comercio local.
As obras tampouco se están a facer seguindo a memoria de calidades do proxecto inicial, non se está a instalar mallado no solado o que permite un aforro importante de cartos para a empresa a costa da calidade da obra, tampouco os rexistros que están deixando semellan ir instalados nos lugares que recollía o proxecto, o Concello non fai ningún tipo de seguimento da obra?
Dende o noso colectivo esiximos que se fagan públicas as cifras do orzamento inicial. Queremos saber o que nos vai custar arrincar e tirar todo o mobiliario urbano que estaba en moi bo estado, queremos que nos expliquen canto nos custará facer as instalacións para que empresas privadas, de electricidade ou comunicacións, melloren as súas infraestruturas, queremos saber a quen se lle están a comprar todos os elementos que se utilizan na reforma. A cidadanía esixe transparencia, é o noso dereito, por moito que teime o Concello en ocultar a información nós seguiremos esixindo saber e coñecer.