Vostede está aquí
Por un novo movemento veciñal
09/05/2014 - 19:21
A asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros queremos facer pública a nosa baixa da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e área metropolitana. Levamos tempo intentando que a Federación asuma un papel máis activo e reivindicativo na defensa dos veciñas e veciñas, é imprescindible neste tempo de crise económica e social onde as clases populares estamos a ser agredidas constantemente.
Cando a corrupción invade as administracións e se dilapidan millóns de euros a esgalla mentres nos recortan nos servizos básicos, os representantes dos veciños e veciñas non poden estar mirando para outro lado, laiándose deles mesmos e botándolle a culpa da súa incapacidade aos colectivos veciñais.
O acontecido na última Asemblea da Federación foi o que nos empurrou a dar este paso, lonxe de asumir calquera tipo de autocrítica por parte da Directiva, quixeron culpar da súa incapacidade aos colectivos veciñais. É inaceptable que Asociacións como a nosa, que está a reivindicar os intereses da veciñanza constantemente, non reciba apoio ningún por parte da Federación. É escandaloso o que pasa coas descargas de carbón onde a Federación mantén a calada estando como está no Foro Ambiental do Porto da Coruña.
No canto de debater sobre o que podemos facer dende os colectivos veciñais para ser máis activos, na asemblea tratouse un punto para tratar de vetar a un colectivo social dunha plataforma, foi o que fixo que decidísemos abandonar a reunión e dar o paso de darnos de baixa.
Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros decidimos darnos de baixa da Federación porque entendemos que hoxe non é un instrumento útil para a defensa dos intereses dos veciños e veciñas, unha Federación que se comporta deste xeito non pode representar a un colectivo veciñal coma o noso.