Vostede está aquí

Plano de mobilidade

Dende a Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros,, ante as queixas dos veciños e veciñas queremos expoñer varias cuestións sobre a mobilidade no noso barrio:
AS PRIORIDADES DOS MODOS DE MOBILIDADE URBANA ESTÁN INVERTIDAS:
Estamos pensando na enorme e profundamente inxusta desproporción que existe na consideración, tanto real como oficial, dos distintos tipos de mobilidade, nos supostos dereitos adquiridos polo vehículo individual, polo turismo, sobre todos e cada un dos demais medios de desprazamento.
Este é o grande problema de fondo e que está lastrando a eficacia de todas e cada unha das medidas que se tratan de aplicar para mellorar a mobilidade e a seguridade urbana, así como redundando nunha preocupante diminución da calidade urbana, da calidade de vida na nosa cidade e no noso barrio.
Todos os demais medios de locomoción padeceron graves prexuízos e deterioros na súa funcionalidade, todos: a bici, o transporte público e o peonil; de entre todos estes medios de mobilidade, os que máis padeceron co predominio do vehículo, foron o peonil e o ciclista; este último case chegou a desaparecer da cidade (hoxe preténdese recuperar), e o peonil viuse constreñido e limitado de tal xeito que case pasou a ser marxinal (tamén se pretende recuperar, moitas veces por consello médico). 
As fotos que enviamos, facilitadas por un veciño, evidencian a desidia do concello cara os usuarios do bus, permitindo que teñamos que arriscar a nosa seguridade. O retroceso en mobilidade dende a desaparición do carril bus, e o aumento do tráfico interno no barrio, é o que nos leva a situacións coma as das imaxes.
Habería que solicitar o pintado da parada de J. Babio, e o control da non ocupación das paradas dos buses por vehículos.
Dende  a nosa asociación veciñal instamos ao goberno municipal  a solucionar ditos problemas de sinalización, arranxando como é debido as paradas do transporte público, así como facer un plano de mobilidade acordado coas entidades veciñais