Vostede está aquí

Plano de mobilidade

Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros, ante as queixas do veciños veciñas
Queremos manifestar :
O fomento do uso do transporte público debera ser unha prioridade por parte das administracións. O transporte colectivo reduce a contaminación das cidades, desconxestiona o tráfico aforrando tempo nos desprazamentos e consume moito menos enerxía. O uso do autobús, metro lixeiro e outros medios colectivos de transporte, reporta beneficiosos para a cidadanía, beneficios económicos, sociais e medioambientais. Impulsar o seu uso é fundamental para conseguir unha mobilidade sostible.
É necesario que se faga un plan integral de mobilidade, apostando polos desprazamentos en transporte colectivo ou por outros medios non contaminantes, desprazamentos a pé ou en bicicleta, tomando medidas que eviten o incremento de coches nas cidades. Como temos repetido en moitas ocasións, os barrios e as cidade deben estar pensadas para as persoas e non para os coches.
Dende a nosa asociación veciñal ante o lamentable transporte público do que dispoñemos, especialmente no que atinxe ao noso barrio, instamos ao Concello a mellorar este servizo, aumentando as frecuencias e as liñas pois é inexplicable que non haxa conexións con algúns puntos como os polígonos industriais e poñer unha liña nova que pase pola Rolda de Outeiro e a rúa da Mercé, liña que xa existía e foi suprimida sen consultar a veciñanza.
Tamén unha vez mais vemos como o goberno municipal toma decisións sen consultar nin ter en conta a opinión da veciñanza, neste caso cambiando a sinalización e o sentido da circulación dos vehículos en varias rúas do barrio, xerando molestias e prexuízos na cidadanía.
Dende a nosa asociación veciñal instamos ao goberno municipal a que antes de facer modificacións como as que están a facer agora, presente un plan de mobilidade para todo o barrio, e que dito plan sexa consensuado coa veciñanza. Un plan que contemple todos os modos de desprazamento, fomentando e priorizando o desprazamento a pé ou en bicicleta, así como o transporte colectivo. O resto é poñer parches para non dar arranxado os problemas.