Vostede está aquí
OUTRA VEZ AS DESCARGAS
12/05/2012 - 15:09
  Dende  a AAVV Oza Gaiteira Os Castros temos que volver a denunciar, outra vez  máis, as descargas de carbón a ceo aberto, sen medidas de seguridade e  en días con fortes refachos de vento. Unha vez máis, veciños e veciñas  dos Castros padecen as consecuencias desa actividade industrial tan  nociva, nalgúns casos tiveron que acudir a urxencias no CHUAC.
Hai  unhas semanas, con motivo doutra descarga, esta AAVV mantivo unha  reunión coa Autoridade Portuaria. Outra vez máis volveron escusarse  dicindo que fora unha cousa puntual pero que non se repetiría,  aseguraron que o 100% das descargas de carbón se facían por circuíto  pechado ata a medusa. É evidente que iso non é así, e o peor é que o  carbón queda amoreado no peirao, afectando a toda a veciñanza do barrio.
É  incomprensible que as autoridades permitan que esa actividade afecte á  saúde dos veciños e veciñas, é inaceptable que non movan un dedo para  que a Autoridade Portuaria faga as descargas coas medidas de seguridade  axeitadas. O comportamento da propia Autoridade Portuaria, poñendo os  intereses económicos por riba da saúde, debe ser sancionado, tanto o  Concello como a Xunta deberan estar vixiantes e sancionar cada vez que  sucede algo así.
Non nos queda outra que seguir denunciando, mobilizarnos e volver a dar a batalla. Cando o que prima é o negocio e o enriquecemento duns poucos a costa da saúde de todos, cando as autoridades miran para outro lado, teremos que ser os propios veciños e veciñas as que deamos a cara.,