Vostede está aquí

OUTRA VEZ AS DESCARGAS

Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros temos que denunciar, outra vez máis, as descargas de graneis sólidos no porto da Coruña. Hoxe 4 de xuño  estamos a recibir queixas por parte dos veciños por mor dunha descarga que está a provocar problemas respiratorios

No barrio estamos fartos da actitude da Autoridade portuaria, que antepón o negocio á saúde dos veciños e veciñas, estamos fartos de que nos digan que son descargas “puntuais”. As persoas con problemas respiratorios ou alérxicos, padecen unha crise con cada unha destas descargas, por culpa da Autoridade portuaria teñen que acudir ás urxencias, totalmente colapsadas do CHUAC, cada pouco tempo tócalles padecer esta situación polas descargas “puntuais”.
É inaceptable que se sigan a permitir as descargas deste tipo nun porto urbano coma o da Coruña, noutros portos do Estado fanse as descargas de xeito que se evitan as emisións de partículas que logo quedan en suspensión, afectando a toda a poboación que vive nos seus arredores. Xa se ten denunciado en numerosas ocasións as graves incidencias que ocasionan na saúde das persoas, especialment

e aquelas que padecen alerxias, asma ou calquera outra enfermidade respiratoria.

Temos que rematar dunha vez por todas con este tipo de descargas, obrigando ás administracións con competencia na materia a que vixíen esta actividade. Non pararemos ata que a totalidade das descargas se realicen nun circuíto pechado, para minimizar o seu impacto na contorna do porto, especialmente no que atinxe á saúde dos veciños e veciñas.
Se “puntualmente” non se pode facer a descarga por circuíto pechado haberá que agardar a que a situación do porto permita facer a descarga como corresponde, o que é inadmisible é que non lles importe atentar contra a saúde dos veciños e veciñas para obter maiores beneficios económicos.
Tamén hai que lembrar, unha vez máis, o comportamento incompetente e irresponsable das administracións -Concello, Xunta de Galicia e Goberno central- que cada vez que a Autoridade portuaria atenta contra a saúde do barrio miran para outro lado, impórtalles máis o beneficio dunha entidade privada que a saúde das persoas.
Esta é unha loita que vén de lonxe e que esta Asociación non deixará mentres o problema persista.