Vostede está aquí

OUTRA VEZ AS DESCARGAS



Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros temos que denunciar, outra vez máis, as descargas de graneis sólidos no porto da Coruña. Hoxe 15 de xullo  estamos a recibir queixas por parte dos veciños por mor dunha descarga que está a provocar problemas respiratorios

No barrio estamos fartos da actitude da Autoridade portuaria, que antepón o negocio á saúde dos veciños e veciñas, estamos fartos de que nos digan que son descargas “puntuais”. As persoas con problemas respiratorios ou alérxicos, padecen unha crise con cada unha destas descargas, por culpa da Autoridade portuaria teñen que acudir ás urxencias, totalmente colapsadas do CHUAC, cada pouco tempo tócalles padecer esta situación polas descargas “puntuais”.
É inaceptable que se sigan a permitir as descargas deste tipo nun porto urbano coma o da Coruña, noutros portos do Estado fanse as descargas de xeito que se evitan as emisións de partículas que logo quedan en suspensión, afectando a toda a poboación que vive nos seus arredores. Xa se ten denunciado en numerosas ocasións as graves incidencias que ocasionan na saúde das persoas, especialment

e aquelas que padecen alerxias, asma ou calquera outra enfermidade respiratoria.

Temos que rematar dunha vez por todas con este tipo de descargas, obrigando ás administracións con competencia na materia a que vixíen esta actividade. Non pararemos ata que a totalidade das descargas se realicen nun circuíto pechado, para minimizar o seu impacto na contorna do porto, especialmente no que atinxe á saúde dos veciños e veciñas.
Se “puntualmente” non se pode facer a descarga por circuíto pechado haberá que agardar a que a situación do porto permita facer a descarga como corresponde, o que é inadmisible é que non lles importe atentar contra a saúde dos veciños e veciñas para obter maiores beneficios económicos.
Tamén hai que lembrar, unha vez máis, o comportamento incompetente e irresponsable das administracións -Concello, Xunta de Galicia e Goberno central- que cada vez que a Autoridade portuaria atenta contra a saúde do barrio miran para outro lado, impórtalles máis o beneficio dunha entidade privada que a saúde das persoas.
A Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros mantén a batalla contra as descargas de carbón e outros graneis que envelenan o barrio dende hai moitos anos, non imos parar ata que a actividade portuaria se faga como é debido, e se remate dunha vez cunhas descargas que, moitas veces no ano, provocan unha mala calidade do aire no barrio, afectando gravemente á saúde das persoas.
Imos seguir denunciando a actitude das administracións que se poñen do lado das empresas e entidades privadas, ollando cara outro lado cada vez que sobrepasan os niveis permitidos de liberación de substancias ao aire. Témolo denunciado moitas veces e seguiremos a facelo, a veciñanza así nolo esixe e nós temos a obriga que facelo público.
Como podemos comprobar os medidores tanto da Autoridade Portuaria como do Concello da Coruña efectivamente volven superarse os umbrais  permitidos pola legislación actual