Vostede está aquí
O Faro das Letras 2014.
15/07/2014 - 23:35
A asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros
Informa
O Faro das Letras 2014.
A asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros organiza un acto lúdico e reivindicativo o vindeiro sábado 19 de xullo sobre as 20:45 horas ao pé do Faro de Oza. Haberá unha charla coloquio sobre a xestión de espazos e patrimonio público, teremos poesía coa presentación do libro “Transfusión oceánica” de Xosé Iglesias, poeta e mariñeiro, e remataremos coa música de Xurxo Souto.
Dende o noso colectivo animamos a todos e todas a participar deste acto, na charla falaremos, entre outras cousas, das medidas do goberno central para permitir que algúns bens patrimoniais de todos e todas sexan cedidos a empresas privadas para beneficio duns poucos, lembraremos que tanto o noso colectivo como a Confraría da Coruña temos reclamado un uso social do Faro de Oza. Tampouco esqueceremos reivindicar, unha vez máis, un aire libre de contaminación para o noso barrio.
Na parte cultural teremos a presentación do libro de poesía “Transfusión oceánica” do bo amigo Xose Iglesias, poeta e mariñeiro de baixura que ten colaborado con nós en moitas outras ocasións. O mesmo que Xurxo Souto, co grande traballo que está a facer na difusión da nosa cultura e que, unha vez máis, botará unha man coa súa música.
Na Coruña 15 de xullo de 2014
Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros