Vostede está aquí

O Corralón da Gaiteira, uso público ou negocio privado?

O Corralón da Gaiteira, uso público ou negocio privado?
Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros xa nos temos dirixido ao Concello para trasladar as demandas da veciñanza a respecto da parcela onde estaba situado o Corralón da Gaiteira. Entregamos un proxecto completo e detallado, realizado por un veciño do barrio, para transformar esa parcela que hoxe é un espazo onde se acumula o lixo, nunha zona de ocio onde compartir espazo crianzas e persoas maiores.
O noso colectivo reclama que o Concello actúe e se poña en contacto cos propietarios de xeito que poida permutar ese terreo para convertelo nun espazo público, esa é a nosa demanda: poñer a disposición da veciñanza ese terreo, mellorando a calidade de vida no barrio e fomentando o comercio local e a hostalaría pois habería un espazo onde compartir tempo de ocio nunha zona comercial como é a Gaiteira.
A nosa visión do que debe ser o movemento veciñal está nas antípodas da que ten o Partido Popular. Cando o Sr Negreira chegou á alcaldía puxo en marcha asociacións “pantasma”, sen socios e que non representan á veciñanza, coa intención por unha banda de liquidar os movementos veciñais que levamos case 40 anos defendendo os intereses da veciñanza e pola outra de poñer en marcha colectivos que lle fagan traballo político ao Partido Popular.
Un colectivo veciñal nunca pode poñer os intereses dunha empresa particular por riba dos intereses xerais da veciñanza mais iso é o que está a pasar, demandar que o Concello interveña para facilitar o negocio dos aparcadoiros privados, en contra dos intereses da veciñanza, non é propio dun colectivo veciñal. Os veciños e veciñas poden comprobar como colectivos creados ao abeiro do Partido Popular están a defender intereses privados e partidarios, ignorando as demandas da veciñanza.
A Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros seguirá defendendo aos veciños e veciñas como levamos facendo dende os anos 70, seguiremos demandando maior calidade de vida para o barrio, máis espazos públicos e zonas verdes, mais espazos para pasear e compartir tempo. Seguiremos demandando un plano de mobilidade que aposte polos desprazamentos a pé ou en bicicleta e polo transporte público, é a mellor maneira de potenciar o comercio de proximidade.
Nós temos claro que sen comercio local os barrios esmorecen e levamos semanas cunha campaña para promover o consumo responsable e o comercio local, estamos a facelo en colexios e centros cívicos, con música e repartindo carteis e panfletos, en contacto cos comerciantes e coa veciñanza. É a nosa maneira de entender o movemento veciñal e así imos seguir.