Vostede está aquí
O Concello da Coruña prolongará as beirarrúas no tramo final da avenida de Oza, aumentando tamén de 33 a 77 as prazas de aparcamento dispoñibles
O Concello da Coruña intervirá no tramo final da avenida de Oza, que conecta coa avenida da Pasaxe no barrio dos Castros, para prolongar o tramo de beirarrúas existente, que actualmente remata á altura da rúa Boavista, ampliándoo en paralelo ao percorrido do oleoduto.
O proxecto de reurbanización deste ámbito, ideado para incrementar os espazos peonís na contorna, aproveitarase para a reestruturación da área de estacionamento en Casablanca, onde a distribución actual deixa en 33 as prazas dispoñibles. Co novo proxecto municipal, que implicará a disposición dos vehículos en batería, pasarán a ser 77 prazas en total, máis do dobre. Ademais, farase tamén accesible a parada de bus ubicada no número 290 da avenida de Oza.
Esta serie de cambios suporán a supresión dun dos sentidos de circulación da rúa, mantendo o de saída desde Os Castros ata a conexión coa avenida da Pasaxe.
A actuación prevista enmárcase nas políticas de mellora da mobilidade postas en marcha polo Goberno de Inés Rey, con accións encamiñadas a gañar espazos peonís na cidade que ademais, nalgúns casos, supoñen tamén un aumento no número de prazas de aparcamento ao reducir carrís e trocar estacionamento en liña por estacionamento en batería.