Vostede está aquí

O concello arrinca as canaveiras de San Diego

O concello arrinca as canaveiras de San Diego
Hai uns meses, dende a Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros, dirixímonos ao Concello para que se constrúa unha verdadeira pantalla verde que ille o parque de San Diego da cementeira e outras industrias existentes na zona, para reducir o ruído e a contaminación lumínica que emiten pola noite, ocasionando molestias ás persoas que usan o parque ou que viven nos seus arredores.
Lonxe diso, o Concello está arrincando case todas as canaveiras que existían na zona e que constituían a única barreira verde que había entre o parque e a cementeira, este goberno municipal semella ter unha teima en arrincar e facer desaparecer zonas verdes e árbores na nosa cidade. Hai que lembrar a eliminación da zona verde que constituía a mediana da avenida de Oza con todas as árbores que tiña, mais non acabou aí a cousa, arrincaron arbores no parque de Oza e no parque da fábrica de tabacos, algúns deles levaban aí moitas décadas.
O goberno municipal debe descoñecer que a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda que as cidades dispoñan, como mínimo, de entre 10 e 15 metros de área verde por habitante. Na Coruña tense feito un esforzo importante nos últimos anos, aínda así andabamos polos 11 metros por habitante, iso antes da chegada deste goberno ao que lle debe parecer moito pois non fai máis que arrincar árbores e eliminar zonas verdes.

Para rematar tamén queremos indicarlle ao Concello que o que está arrincando en San Diego son canaveiras, e non bambú como poñen nos carteis. Bambú debe haber moito en China pero na Coruña nunca tal se viu.