Vostede está aquí

NOTA DE PRENSA


Instalación municipal sen uso e en estado de abandono.



Moitos barrios da Coruña manteñen unha grande actividade social e cultural a pesar da grave crise económica que padecemos, o activismo e voluntarismo da veciñanza, a solidariedade e o esforzo compartido danlle vida a esta cidade. É o caso do noso barrio e da súa veciñanza, que se esforza por saír adiante nestes tempos tan complicados.
Cada día vemos como colectivos veciñais, asociacións culturais ou deportivas, grupos musicais, grupos de acción social, clubes e colectivos de todo tipo tratan de manter vivo o barrio, organizándose para realizar actividades de todo tipo. Ese esforzo por parte da sociedade civil contrasta coas actitudes que manteñen as administracións, que moitas veces viven de costas a esta realidade.

Dende a asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros queremos denunciar o estado de abandono no que se atopa o edificio municipal que está ao carón do Forum Metropolitano, cando a sociedade civil está poñendo en marcha accións culturais e deportivas de todo tipo, con traballo voluntario e colectivo, sen contar apenas con medios económicos e materiais, vemos como o Concello prefire ter unha instalación abandonada e sen uso que cedela á veciñanza.
A veciñanza do barrio non entende como se pode permitir esta situación, un edificio municipal sen uso e en estado de abandono cando moitos colectivos non teñen onde realizar as súas actividades. Poder usar esta instalación daríalle moita máis vida ao barrio, hai moitas asociacións, colectivos, grupos, etc aos que viría moi ben contar cunha instalación coma esta.
Dende o noso colectivo esiximos un mantemento axeitado para as instalacións que pertencen aos veciños e veciñas, esiximos que as dependencias que se construíron cos nosos cartos teñan o uso social que lle corresponde.