Vostede está aquí
NOTA ACLARATORIA
16/04/2014 - 16:39
  Dende  a  asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros queremos puntualizar unha serie de  cuestións que están aparecendo estes días en varios medios de  comunicación en relación ao acontecido na última Asemblea Xeral da  Federación de AAVV, en particular algunhas declaracións feitas pola súa  Presidenta.
En  algún medio a presidenta indica que o noso colectivo é moi crítico co  actual goberno municipal. Esta Asociación leva dende os anos 70  exercendo a crítica e actuando de xeito reivindicativo na defensa dos  intereses dos veciños e veciñas, así foi sempre, goberne quen goberne, e  así entendemos nós que debe actuar un colectivo veciñal.
A asociación veciñal  Oza Gaiteira Os Castros busca a unidade de acción sempre que teña  como obxectivo a defensa dos intereses dos barrios, a unidade para non  facer nada é o peor que nos pode pasar, nese caso é preferible que cada  quen intente dar a batalla pola defensa dos intereses dos veciños e  veciñas como mellor poida. É o que levamos facendo corenta anos.
Asómbranos  que a Directiva da Federación queira tratar o vindeiro luns o abandono  do noso colectivo cando en ningún momento dixemos que o noso colectivo  se dera de baixa da Federación e estamos ao día no pago das cotas.  Semella que non saben aceptar a crítica e buscan algún tipo de  represalia pola nosa posición na Asemblea Xeral do pasado venres. 
Aínda  non escoitamos ningunha explicación á votación na Asemblea Xeral do  venres para vetar a outro colectivo (Fronte Cívico) ou para negarlle a  palabra e o voto a Novo Mesoiro, comportamentos totalmente  antidemocráticos dende o noso punto de vista e que provocaron que  abandonásemos a reunión.
Non  podemos deixar de mencionar as escusas que pon a Presidenta da  Federación cando lle reprochamos que non se defenda ao barrio diante  dunhas descargas de carbón que están envelenado toda a cidade. A loita  do carbón vén de lonxe e a Federación está ausente neste grave problema,  o que se dixo na Asemblea non cadra co que aparece nos medios de  comunicación. Se a Federación ten asento no Foro Ambiental do Porto da  Coruña terá que usalo para defender á veciñanza e se pasa un tempo sen  convocarse o Foro esixir a súa convocatoria. 
A asociación veciñal  Oza Gaiteira Os Castros non vai asumir unha actitude compracente e  sumisa nestes tempos de grave crise económica e social, estaremos na  rúa defendendo os intereses dos veciños e veciñas e traballaremos para  construír ferramentas que nos sexan útiles para este cometido.
  