Vostede está aquí

A NOSA ASOCIACION DE VECIÑOS FORMA PARTE DA PLATAFORMA

A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo convoca unha manifestación para reclamar a recuperación urxente da ría

O colectivo, que trasladou as súas denuncias até a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, demanda un entendemento entre Xunta e Estado
Representantes da Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo anunciaron esta mañá en rolda de prensa a convocatoria dunha manifestación o vindeiro domingo 2 de outubro para demandar das distintas administracións que abandonen as polémicas estériles e poñan en marcha con carácter urxente un proxecto integral de saneamento, limpeza e rexeneración ambiental da ría. A marcha, na que se agarda unha importante participación cidadá, sairá ás 12 do mediodía dende a Praza de Europa, no Burgo.

De esquerda á dereita: Amancio Sotillo, Paulo Carril, Manuel Cao, Ramón Sixto, Luis Dopico e Manuel Baldomir.

A mobilización celebrarase un mes despois do vertido de 37.000 litros de queroseno á ría, ao que seguiu un novo vertido de augas residuais, agravando así a pésima situación da calidade das augas desta área. Neste senso, Paulo Carril, Secretario Comarcal da CIG da Coruña (que tamén forma parte da Plataforma) puxo de manifesto a vixencia de todas e cada unha das reivindicacións coas que se puxo en marcha a Plataforma hai xa catro anos.

Así, denunciou, pouco se ten avanzado na aplicación de sancións aos causantes directos ou indirectos dos vertidos, aínda non rematou o proxecto integral de saneamento (de feito a propia Xunta recoñece que están controlados menos do 80% dos vertidos); a EDAR de Bens continúa sen ter un funcionamento pleno: etc.

Incapacidade das administracións

Fronte a esta situación, Carril censurou a incapacidade das administración galega e estatal para sentar a negociar, así como as polémicas estériles nas que se escudan ambos gobernos para eludir as súas responsabilidades ante a contaminación e deterioro que padece a ría do Burgo. Nesta liña, reclamou ao Estado español que complete o plan de rexeneración da ría e á Xunta de Galiza que leve a cabo o dragado e a limpeza de lodos. Ademais, matizou, “queremos que eses acordos se vexan reflectidos no DOG e no BOE, porque ese será o único xeito de comprobar que realmente están mantendo conversas”.

Por esta razón, se nos vindeiros días non se reciben novas dunha reunión entre a Xunta e o Estado, a Plataforma non desbota convocar a ambas partes na sede da Confraría de Pescadores da Coruña (tal e como fixo en 2009), para que manifesten cales son as súas intencións a respecto da ría.

Abundando nesta cuestión, o presidente da Asociación de Veciños/as o Noso Burgo, Ramón Sixto, recalcou que o obxectivo da Plataforma é conseguir unha ría limpa “e non imos parar até conseguilo”. Por iso reclamou valentía aos responsábeis das administracións locais e galega para tomar a iniciativa neste camiño e para abandonen a postura mantida até agora “de negar o evidente: que a ría está cada vez peor”.

Descenso da produtividade

No relativo á vixencia dos convenios subscritos entre a Consellaría do Mar e o colectivos de mariscadores/as, dende a Plataforma critícase que a Consellaría dea por suspendidos os convenios a partir do próximo ano, a pesar da caída das zonas produtivas nos últimos anos. Manuel Baldomir, Presidente da Agrupación de Mariscadores a pé, puntualizou que en 2009 esa produtividade situábase no 25%, mentres que este ano ten baixado até o 21%. Baldomir alertou que de non realizarse unha limpeza e dragado urxentes na ría do Burgo, a capacidade produtiva continuará degradándose e polo tanto a súa recuperación no futuro será máis complexa.

Paulo Carril, solicitou tamén da Consellaría do Mar que aborde as compensacións axeitadas para os mariscadores/as afectados polo peche da ría por mor das tarefas de limpeza do vertido de queroseno e das augas fecais. De igual xeito, demandou da administración galega transparencia nos datos e extensión de dito vertido.

Na rolda de prensa, a Plataforma lembrou que a conselleira do Mar asegurou o pasado 2 de outubro que mantería unha xuntanza coa Confraría uns días despois, mais polo de agora non se recibiu confirmación de tal encontro.

Pola súa banda, Amancio Sotillo, responsábel de Adega na Coruña, criticou a falta de interese e a non asunción de responsabilidades por parte dos Concellos da comarca, a Xunta e o Estado á hora de resolver a problemática da ría. “O tratamento de augas pluviais e fecais está recollido na directiva marco da auga, só hai que pola en práctica”, apuntou.

A problemática chega a Bruxelas

Ao inicio da comparecencia, Manolo Cao e Luís Dopico, deron conta do tratado na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, a onde acudiron o pasado xoves 8 de setembro, para seguir o debate sobre a denuncia presentada pola Plataforma por mor dos reiterados e históricos incumprimentos das directivas da UE relativas á cualidade das augas, ao tratamento das augas residuais urbanas e á cualidade esixida ás augas para a cría de moluscos.

Cao, que agradeceu a colaboración e o apoio recibido polo BNG en Bruxelas, subliñou o interese amosado por parte da Comisión e cualificou como “satisfactorio” o resultado dunha xuntanza na que o órgano europeo tachou de “sangrante” o estado da ría do Burgo. Mentres, Luís Dopico lamentou a existencia “de políticos que antepoñen os intereses de partido fronte ao interese da cidadanía” (en referencia á intervención dos eurodiputados do PP, que defenderon a xestión da Xunta nestes últimos anos).

A Comisión acordou manter aberto o expediente coa denuncia da Plataforma e mesmo estuda enviar unha misión de investigación a Galiza para analizar a problemática medioambiental da ría e avaliar o grao de contaminación das augas. Así mesmo, informaron aos representantes da Plataforma que a Comisión xa instou ao goberno español a levar adiante tarefas para garantir a calidade das augas e que se ten denunciado ao Estado pola vía xudicial por incumprimento da normativa europea.